image
Adxudicación das hortas municipais do Campo das Hortas
13 Setembro, 2019

As hortas urbanas municipais son espazos dentro das zonas verdes da cidade que o Concello cede durante catro anos aos cidadáns para uso hortícola. Con estas parcelas establécese un novo concepto de espazo verde que supón unha mellora ambiental para cidades, así como da calidade de vida dos seus cidadáns, onde a participación cidadá é fundamental pois son froito do traballo e coidado dos propios usuarios, a diferenza dos xardíns e parques, coidados e mantidos polos servizos municipais.

As 54 hortas urbanas municipais situadas no Campo das Hortas foron entregadas o xoves 12/09/2019 pola tarde, na adxudicación e sorteo que tivo lugar no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Compostela (CIPX) situado no Parque de Belvís.

O acto estivo presidido pola Comisión Avaliadora das solicitudes, formada pola Concelleira de Parques e Xardíns, Milagros Castro, o xefe do Departamento Municipal de Parques e Xardíns, Gregorio López, e o xefe do Departamento Municipal de Medio Ambiente, Ángel Pérez. Tamén estivo presente persoal de Ferrovial Servicios, a empresa concesionaria do Servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arboredo do Concello de Santiago de Compostela, e encargada da xestión das hortas urbanas municipais.

Antes de comezar o acto producíronse cinco renuncias, polo que os solicitantes das 54 parcelas do Campo das Hortas pasaron a ser 68. Tras a modificación dos datos de prelación, a adxudicación e sorteo das parcelas deu comezo coa cesión dunha das hortas foi cedida a Ferrovial Servicios, para ser utilizada como horta de referencia, na que o resto de usuarios podan aprender sobre as habelencias da xardinería e as técnicas de cultivo ecolóxico de hortalizas.

Aquelas agrupacións, asociacións e outras entidades que queiran desenvolver nas hortas municipais traballos comunitarios de horticultura dentro das súas actividades, concédeselles prioridade ao ter un interese público. Tres foron estas agrupacións ás que se lles adxudicaron parcelas no Campo das Hortas, que foron o ANPA do colexio Raíña Fabiola, o Centro Vierio de Cáritas Diocesana e á AECC (Asociación Española contra o Cancro).

No Campo das Hortas haberá 11 persoas maiores de 65 anos, que foron as primeiras en escoller a parcela segundo lles parecese máis acaída ás súas necesidades. Segundo establece a ordenanza, teñen prioridade á hora da asignación de titulares as persoas maiores, xa que o traballo nas hortas municipais fomenta o exercicio físico, os hábitos saudables e, sobre todo, serven para gañar novos espazos de convivencia e puntos de encontro que sirvan para a transmisión interxeracional de coñecementos sobre os cultivos ecolóxicos e tradicionais.

A Ordenanza sobre as hortas urbanas municipais tamén concede prioridade á veciñanza da contorna, xa que as interactuacións durante o tempo dedicado ao cultivo da terra crean entre os veciños unha unión máis forte entre eles, desenvolvendo a conciencia de barrio. 32 persoas veciñas da contorna formarán parte dos titulares das parcelas do Campo das Hortas.

Por último, o resto de persoas empadroadas en Santiago de Compostela fóra da contorna tiveron que ir a sorteo das 6 parcelas restantes. Había 21 persoas solicitantes dentro desta categoría, polo que tralos sorteo, 15 persoas non resultaron adxudicatarias dunha das hortas municipais e quedaron na listaxe de agarda, para suplir aos actuais titulares no caso en que se produzan renuncias ou baixas. Este foi o caso, xa que tras unha renuncia de última hora, a primeira persoa da listaxe de agarda pasou a ser adxudicataria dunha das parcelas.

O éxito do proxecto das hortas urbanas municipais do Concello de Santiago de Compostela reflíctese en que todas as parcelas existentes nas diferentes zonas do municipio, que alcanzan a cifra de 294, están ocupadas por un titular, e contan con listaxe de agarda. Esta listaxe está aberta para que todas as persoas interesadas nunha horta municipal podan inscribirse.

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)