O Servizo de Mantemento, Conservación e Mellora dos Espazos Verdes e Arboredo Urbano do Concello de Santiago inclúe máis de 30.000 árbores. Nesta sección poderás descubrir as súas especies, os beneficios que proporcionan, colaborar no seu coidado ou consultar os programas de mantemento.
Ademais das árbores de titularidade municipal, a cidade conta con máis árbores, como son as presentes nos espazos verdes xestionados pola Xunta de Galicia (Bosque de Galicia, Parque do Lago, Xardín do Teatro, Xardín Literario e Parque do Monte do Gozo), a Universidade de Santiago de Compostela (Campus Universitario Sur e Campus Universitario Norte), os montes (Monte Pedroso e Monte do Viso), as contornas dos paseos fluviais do Sar e do Sarela ou as Brañas de Sar; sen esquecernos da totalidade do arboredo de titularidade privada.
BENEFICIOS DAS ÁRBORES URBANAS
As árbores teñen un papel importante no funcionamento da cidade, proporcionando beneficios económicos, sociais, ambientais e tamén para a saúde e o benestar. A continuación, explicamos cales son e como se xeran eses beneficios. Para ampliar información, preme nas seguintes imaxes.
Os beneficios e a importancia das árbores urbanas amplíanse na primeira das seguintes presentacións en vídeo. Na outra cítanse datos e resultados de estudos, feitos por todo o mundo, sobre os beneficios das árbores urbanas para a saúde e o benestar humano, o cambio climático, a biodiversidade e a paisaxe, a degradación da terra e do solo, a auga e as inundacións, ou os valores socioculturais.
É importante entender que a cantidade de moitos destes beneficios que proporcionan as árbores depende do número de follas, cantas máis follas ten unha árbore, máis beneficios aporta, isto quere dicir que unha árbore grande aporta tantos beneficios coma moitas pequenas. Dito doutro xeito, é máis importante a superficie de folla que temos na cidade que o número de árbores.