O Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns (CIPX) forma parte do Plan de Sensibilización Ambiental levado a cabo por PreZero para o Concello de Santiago, dentro do Servizo de Mantemento, Conservación e Mellora dos Espazos Verdes e Arboredo Urbano. Emprázase no Parque de Belvís, e nel lévanse a cabo programas de información, divulgación, interpretación patrimonial e educación ambiental, que comprenden liñas de traballo dirixidas aos centros educativos, á poboación local e ás persoas que visitan a cidade. Para manterse informado das actividades que aquí se realizan, segue as seccións de Novas e actividades desta web, ou se o prefires segue as contas  da #CompostelaVerde en FacebookTwitter e Instagram.

INSTALACIÓNS

Mostrador de información: conta con persoal que realiza as tarefas de control, atención e xestión de visitantes. Aquí proporciónanse datos, folletos e indicacións sobre os parques e xardíns, percorridos peonís ou en bicicleta, os paseos, os ríos ou as hortas urbanas municipais. En xeral, trátase de resolver as cuestións e consultas relacionadas con:

  • Os valores naturais, históricos, patrimoniais e socioculturais dos parques e xardíns.
  • As actividades que se realizan no centro, o Parque de Belvís e a súa contorna.
  • O medio ambiente urbano, a sustentabilidade e os valores naturais de Compostela.
  • O desenvolvemento dun modo de vida baseado na conservación e o respecto á natureza.

Sala de exposición permanente: o obxectivo desta exposición é o de conseguir o achegamento do público ao espazos verdes de Santiago de Compostela para o seu coñecemento e posta en valor. Compoñen a exposición seis paneis sobre o patrimonio natural, a xestión das zonas verdes, os xardíns do Camiño de Santiago, as hortas e as tipoloxías dos parques de Compostela.

Sala multimedia e de exposicións temporais: serve para a mostra de exposicións temporais e a realización de obradoiros, charlas ou calquera outra actividade relacionada coa sensibilización ambiental e o medio ambiente. O espazo conta con sistemas de audio e proxección de vídeo que serven como recurso no que sustentar as actividades a desenvolver aquí.

Terraza-miradoiro: dende esta temos a oportunidade de contemplar o espazo que nos rodea, identificando e localizando elementos da paisaxe e a natureza da contorna.

O CIPX atópase dotado de accesos para persoas con mobilidade reducida, ademais de dispor de aseos á disposición dos visitantes.

ACTIVIDADES EDUCATIVAS

O CIPX encárgase principalmente de levar a cabo accións de sensibilización ambiental para a cidadanía, deseñando unha serie de actividades co obxectivo de divulgar os valores ambientais e a importancia da súa conservación, ao mesmo tempo que fomentar actitudes positivas cos parques e xardíns.

Dentro do programa de actividades, destacan aquelas dirixidas á poboación escolar de Santiago de Compostela. Estas foron pensadas para ser desenvolvidas de forma complementaria ao currículo formativo, estando adaptadas aos diferentes niveis educativos existentes. O docente xoga un papel fundamental na execución destas actividades, polo que é imprescindible a súa implicación directa co noso equipo de monitores medioambientais, dinámicos e con grandes dotes de comunicación, que está perfectamente capacitado para desempeñar estes labores interpretativos.

XORNADAS, CURSOS E OBRADOIROS

O CIPX é un espazo ideal para a celebración de charlas, xornadas formativas, obradoiros, foros ou calquera outra actividade de reunión e participación tanto para a poboación escolar como para a cidadanía en xeral.

Estas actividades poden ser organizadas polo propio CIPX, ou ben albergar actos organizados por asociacións e organizacións externas ao centro que así o requiran, e estean relacionadas cos obxectivos do Plan de Sensibilización Ambiental.

COMO CHEGAR?

O CIPX está situado no Parque de Belvís, na vía que atravesa o parque dende a rúa das Trompas até o Seminario Menor. Localízase moi preto do aparcadoiro de Belvís e da zona de terrazas onde os martes pola tarde ten lugar o Mercado Ecolóxico Entre Lusco e Fusco.

CIPX (Centro de Información dos Parques e Xardíns)

Rúa do Parque de Belvís

15703 Santiago de Compostela

PERSOAL DE INFORMACIÓN 

ilopez@prezero.es    |    661406965

nm.garcia.gomez@prezero.es     |    981542486

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)