Ferrovial Servicios, como concesionaria do Servizo de Mantemento, Conservación e Mellora dos Espazos Verdes e Arboredo Urbano do Concello de Santiago de Compostela, celebra actividades puntuais de educación e sensibilización ambiental dirixida a escolares do municipio, dentro das propostas incluídas no Plan de Sensibilización Ambiental.
Os obxectivos deste plan son os seguintes:
- Fomentar prácticas, comportamentos e actitudes ambientais entre os escolares.
- Promover a información, a concienciación e a sensibilización da poboación sobre o medio e a importancia dos espazos verdes na cidade.
- Contribuír ao espírito de responsabilidade e solidariedade que garante a conservación e mellora do medio.
O DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES
No 2012, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 21 de marzo como Día Internacional dos Bosques. Mediante esta celebración réndese homenaxe á importancia de todos os tipos de bosques, intentando xerar conciencia ao respecto. Cada vez que se se celebra o Día Internacional dos Bosques, aléntase aos países a adoptar iniciativas no plano local, nacional e internacional para a organización de actividades relacionadas cos bosques e as árbores, como por exemplo, campañas de plantación de árbores. A temática do 2019 é Os bosques e a educación.
PLANTACIÓN DE ÁRBORES
Con motivo desta celebración, levarase a cabo, o 22 de marzo, a plantación de árbores frondosas autóctonas, por parte de escolares do CEIP Ramón Cabanillas, nunha parcela de titularidade municipal en Pontepedriña (Superficie: 3.842 m2, Ref. catastral: 75629F1NH3476D, Coordenadas: 42°52’02.3″N 8°32’28.3″W), ao carón do CEIP Ramón Cabanillas. Previamente á plantación, realizarase unha restauración paisaxística de dita parcela, de grande valor ecolóxico ao localizarse a escasos metros do espazo natural das Brañas de Sar.
As especies seleccionadas para plantar son: érbedos (Arbutus unedo), bidueiros (Betula alba), sangomiños (Cornus alba e Cornus sanguinea), abeleiras (Corylus avellana), espiños (Crataegus monogyna), freixos (Fraxinus angustifolia e Franxinus excelsior), acivros (Ilex aquifolium), loureiros (Laurus nobilis), cerdeiras (Prunus avium), pereiras (Pyrus communis), cerquiños (Quercus pyrenaica), carballos (Quercus robur) e capudres (Sorbus aucuparia).
DIFUSIÓN
A actividade de plantación de árbores será comunicada á FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), promotora do Día Internacional dos Bosques, para esta sexa incluída na listaxe de actos oficial que terán lugar en todo o mundo.
A través das redes sociais da Compostela Verde (Facebook, Twitter e Instagram) utilizarase o cancelo oficial #IntlForestDay nas publicacións e fotos do acto de plantación. Tamén se creará un cancelo propio #IntlForestDayCompostela para, ademais de publicitar o acto, animar á xente a que tome unha foto do seu bosque preferido do Concello de Santiago e a comparta usando dito cancelo.
+INFO
