Santiago de Compostela atesoura un importante patrimonio vexetal, intricado no seu inmenso acervo histórico e cultural, mais que soubo medrar co equilibrio necesario entre o construído e o verde urbano. Dende o Monte Pedroso até o Monte do Gozo esténdense unha faixa de espazos verdes abertos e pechados, novos e históricos, públicos e privados, que fan de Compostela un referente en canto á cantidade e calidade de zonas verdes.
Os espazos verdes da cidade inclúen parques, xardíns, hortas, ríos e paisaxes, que se complementan coas zonas non urbanizadas das parroquias, que seguen conservando a súa estrutura rural. O Concello de Santiago xestiona preto de 3.000.000 metros cadrados de zonas verdes, incluíndo máis de 30.000 árbores, que unido ás administradas pola Xunta de Galicia (Bosque de Galicia, Parque do Lago, Xardín do Teatro, Xardín Literario e Parque do Monte do Gozo) e a Universidade de Santiago de Compostela (Campus Universitario Sur e Campus Universitario Norte) suman máis de 4.500.000 metros cadrados. A todo isto aínda habería que engadir montes (Monte Pedroso e Monte do Viso), contornas dos paseos fluviais do Sar e do Sarela e as Brañas de Sar, o que daría como resultado preto de 8.000.000 millóns de metros cadrados no municipio. Tendo en conta soamente a superficie de titularidade municipal, teríamos 30 metros cadrados de espazos verdes por habitante e máis dunha árbore por cada catro habitantes, moi por riba das recomendacións da OMS (Organización Mundial da Saúde) que recomenda uns 10-15 metros cadrados por habitante. O ratio sería aínda maior se contabilizáramos toda a superficie verde existente en Santiago, o que suporía uns 82 metros cadrados por habitante.
Os parques e xardíns municipais xestiónanse a través do Servizo de Mantemento, Conservación e Mellora dos Espazos Verdes e Arboredo Urbano levado a cabo por PreZero para o Concello de Santiago de Compostela. A xestión do servizo é moi ambiciosa en canto á sustentabilidade, baseado na sensibilización ambiental tanto dos implicados no servizo como da cidadanía en xeral.
Coa redacción dun Plan Director das Zonas Verdes e Espazos Públicos levouse a cabo unha análise dos espazos verdes de Santiago de Compostela, para posteriormente definir as estratexias que rexerán as actuacións a realizar en cada unha das zonas identificadas neste plan. A metodoloxía empregada foi a aproximación dende varias escalas (territorial, municipal e zonas verdes), analizando en cada unha delas os principais sistemas (auga, usos, mobilidade e paisaxe), até definir as directrices posibles para a súa aplicación nos diferentes proxectos que poidan xurdir na construción do espazo público dentro do termo municipal. No Plan Director estableceuse unha novidosa clasificación para o sistema xeral de zonas verdes e do espazo público: parques patrimoniais, xardíns urbanos, parques fluviais e parques transicionais.
A día de hoxe, Compostela conta con máis de 47 parques maiores de 10.000 metros cadrados, sendo estes próximos e accesibles, o que resulta tan importante como a súa cantidade. As previsións de crecementos encádranse na mellora da interconexión das zonas verdes existentes, o deseño de novos parques transicionais e a creación dunha extensa rede de parques fluviais que englobarían a totalidade dos tramos periurbanos dos ríos Sar e Sarela.
O Plan de Sensibilización Ambiental ten como obxectivos dar a coñecer entre os diferentes sectores da poboación, os valores que albergan os espazos verdes públicos da cidade de Santiago de Compostela. Dentro destes sectores inclúense, tanto aos propios residentes da cidade, como aos que a visitan con motivo da condición da cidade como Patrimonio da Humanidade, e como destino dunha das principais rutas de peregrinación no mundo, o Camiño de Santiago. Deste xeito, o plan permite definir a relación entre os usuarios e os espazos verdes públicos, que lles permita cuestionarse criticamente a situación ambiental da súa contorna, e conseguir simultaneamente que coñezan os espazos verdes para que poidan valorar e gozar de forma positiva da cidade. Unha peza fundamental deste plan de sensibilización é o Centro de Información dos Parques e Xardíns (CIPX), do que podes manterte informado a través da sección de Novas e actividades desta páxina, ou se o prefires segue as contas da #CompostelaVerde en Facebook, Twitter e Instagram.