A Asociación Raíces do Lusco organizou, no CIPX (Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns), unha xornada de iniciación aos alimentos fermentados cun obradoiro para aprender a facer chucrute. Esta actividade está relacionada co Mercado Ecolóxico Entre Lusco e Fusco que ten lugar todos os martes pola tarde no Parque de Belvís.
Un dos alimentos probióticos máis coñecidos e usados xunto co quefir é o chucrute, que se produce da fermentación do repolo ou col branca. Ao fermentar, as bacterias lácticas aumentan os microorganismos beneficiosos que melloran a flora intestinal, restablecen o pH do intestino delgado, melloran o proceso dixestivo e a absorción de nutrientes. Os beneficios de incorporar á nosa dieta alimentos con acción probiótica son múltiples, moitas asociadas ao sistema inmunitario e dixestivo.
