mainimg
Código: BE020
-
Espazos Singulares
Localización

Zona verde

Parque de Belvís

Barrio

Belvís-Trisca

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

As torres Hejduk da Cidade de Cultura de Galicia, foron orixinalmente deseñadas en 1992 como parte do Parque de Belvís por John Hejduk (1929-2002) membro do grupo Five Architects xunto con Eisenman, Meier, Graves e Gwathmey. Estas dúas torres ocuparían a aba do parque preto das terrazas do Mercado de Lusco e Fusco, mais sen embargo nunca chegaron a materializarse para tal fin. O seu colega Peter Eisenman, foi quen recuperou o proxecto no 2002 para incluílo no conxunto da Cidade da Cultura de Galicia.

As torres constitúen un dos tipos de proxectos máis repetidos na obra de Hejduk, utilizadas desde Berlín a Santiago de Compostela, como estruturas cunha dimensión simbólica. As dúas torres deseñadas para o Parque de Belvís son de idéntica forma e tamaño, mais materializadas cun carácter moi distinto, xa que unha estaría realizada en vidro e tería a función de invernadoiro, mentres que a outra estaría forrada de granito e serviría como almacén de xardinería. Entre as siluetas de ambas aparece unha terceira torre virtual invertida, que na súa situación actual enmarca a visión das torres da Catedral de Santiago desde o Monte Gaiás.

Descrición

A aba do parque está situada entre o rego Cancelón do Sar e os edificios do Convento de Santa María de Belvís e o Seminario Menor da Asunción, nuns terreos chamados a ladeira do Viso na época baixomedieval. É un espazo atravesado por sendeiros e poboada de aliñacións de arbores nas súas beiras.

Nesta área procedeuse á limpeza e sementeira de gramíneas como especies cespitosas, o mantemento do arborado existente e o engadido dun sistema de rega telexestionado de alta eficiencia.

Na implantación do céspede utilizouse unha mestura a base de Ray-grass (Lolium perenne) e Festuca. A festuca proporciona un céspede pouco denso mais moi resistente, de poucas necesidades de mantemento e tolerancia ás pisadas. O ray-grass é a especie cespitosa máis difundida polo mundo grazas á súa rápida xerminación en menos dunha semana e á súa longa duración. Require frecuentes segas que o debilitan, polo que soe mesturarse con outras especies perennes de xerminación e crecemento máis lento.

As especies arbóreas máis destacadas son as seguintes:

- Pradairos brancos (Acer pseudoplatanus): árbores caducas de follas palmeadas con cinco lóbulos que forman unha pequena aliñación nas proximidades do Centro de Información de Parques e Xardíns. Teñen un característico froito formado por dúas sementes unidas cunhas longas ás chamadas sámaras. A codia agrétase formando placas que se desprenden ao igual que nos plátanos de sombra, de aí o seu epíteto latino de pseudoplatanus. A madeira é moi apreciada en carpintaría, tornería e ebanistaría. Na fabricación de violíns, o luthier Antonio Stradivari (1644-1737), utilizaba dous tipos de madeira: de abeto vermello (Picea abies) para a parte superior, e de pradairo para a inferior, os laterais e o mastro.

- Bidueiros (Betula pendula): aparecen nunha aliñación na parte baixa da aba, contra o muro que a separa da zona baixa ocupada polos labirintos de camelias. Estas árbores alcanza até 30 metros de altura e teñen a codia de cor branca que foi usada como pergamiño. As podallas son delgadas, colgantes, cubertas de follas de forma romboidal. Ten follas caedizas, simples, alternas, de forma romboidal e irregularmente dentadas. Estende a súa área natural por case todo o hemisferio norte, onde habita nas zonas húmidas dos bosques e nas beiras dos cursos de auga. É unha árbore con diversas propiedades medicinais cuxa madeira úsase en ebanistería, na fabricación de zocas e instrumentos de labranza.

- Plátanos de sombra (Platanus x hispanica): apareceu sobre o 1650 por hibridación entre o plátano norteamericano (Platanus occidentalis) e o plátano europeo (Platanus orientalis). Acada os 45 metros de altura, 8 metros de perímetro e pode superar os 300 anos de vida. O seu madeiro é moi recto, cunha codia delgada que se desprende en escamas, formando un patrón pardo e verdoso que recorda á vestimenta de camuflaxe dos soldados. A gran cantidade de sombra que produce, a súa resistencia á contaminación, aos contrastes de temperatura e ás podas, convérteno nunha das árbores máis presentes nas cidades. Poden verse frecuentemente aliñados seguindo o trazado de camiños ou formando masas en prazas e xardíns.

Ademais destas especies vexetais, na aba do Parque de Belvís tamén é doado atopar diversas especies de aves entre a herba. Non sabemos con certeza en que momento concreto os animais silvestres empezaron a compartir pobos e cidades cos humanos, ou pode ser que algunhas especies non elixisen nunca este convivencia senón que simplemente non abandonasen os lugares onde nós decidimos establecer os nosos poboados e asentamentos, alá polo Neolítico.

Atendendo á presenza das especies de aves que habitan Compostela durante todo o ano, parte del ou durante curtos períodos de tempo en datas concretas, pódense clasificar en catro grupos: residentes, estivais, invernantes e en paso. Nas amplas extensións de céspede do Parque de Belvís podemos observar diversas aves que andan á procura de alimento. Algunhas das máis frecuentes son a lavandeira branca (Motacilla alba), o merlo común (Tordus merula), o estorniño negro (Sturnus unicolor), o pombo (Columba palumbus) ou a pega rabilonga (Pica pica).

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)