
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Nome científico
Corylus avellana L.
Nome común en galego
Abeleira ou abraira
Nome común en castelán
Avellano común
Perímetro normal
Multitronco
Altura
6,2 metros
Diámetro de copa
4,5 metros
Idade estimada
14 anos
Características
Está situada preto da entrada ao parque, nunha zona húmida xa que está percorrida polas canles esburatadas pola augas das escorrentías. Durante case todo o ano, por estas canles baixa a choiva acumulada no Monte Pedroso, mentres que durante a seca estival, están baleiras.
Orixe e distribución
A súa área natural comprende Europa e o oeste de Asia. Parece que a orixe estaría en Asia Menor, dende onde foi espallada polos gregos.
Na Península Ibérica habita dende o nivel do mar até os 1.900 metros de altura. É máis abondosa na metade norte, onde aparece en sotobosques, ladeiras, pradarías, ribeiras... O seu cultivo popularizouse a mediados do século XIX como consecuencia da eliminación das viñas tras a crise a filoxera, que motivou que a produción virase cara o comercio dos froitos secos.
Os colonos europeos introducen esta especie en América por medio da súa semente a mediados do século XIX para a explotación da madeira e os seus froitos, sobre todo para a confeitaría, coa combinación da abelá europea e o chocolate americano.
Descrición
Arboriña ramificada dende a base, que pode alcanzar os 8 metros de altura. Ten copa irregular e tronco curto de cortiza lisa e gris. Follas simples e alternas, de pecíolo curto, en forma de corazón coa marxe serrada e apiculadas.
Florece moi cedo, na segunda metade do inverno, moito antes de botar as follas. As inflorescencias masculinas fórmanse no verán anterior e teñen un aspecto cilíndrico e compacto, de cor verdoso, até que na floración alónganse e tornan amarelas. As flores femininas teñen estigmas vermellos entre as escamas dunha xema de 4 mm de lonxitude.
Os froitos son secos e duros, de 2 centímetros de lonxitude, de cor parda e que maduran a finais do verán. Aparecen solitarios ou en grupos de dous ou tres, xunto cunha envoltura na base coas marxes irregularmente dentadas. A produción está moi relacionada coa insolación que recibe, polo que as árbores que viven á sombra poden ter moi poucos froitos.
Etimoloxía
O seu nome xenérico é Corylus, empregado por Virxilio e Plinio, que se derivaría da palabra indoeuropea korys, que quere dicir capuchón ou carapucha, aludindo ás brácteas que envolven o froito. O nome de abeleira procede de Abella (actualmente Avella) unha cidade da Campania (Italia) onde existe un florecente mercado dende a época dos emperadores romanos, célebre polas súas ricas mazás, as granadas e as abelás.
Usos
Na cultura clásica, a abeleira era a árbore da beleza e a sabedoría: dicíase que quen comía abelás adquiría coñecemento sobre as ciencias e as artes. Xa nos manuscritos antigos de China e Grecia descríbense as utilidades da abelá. Os chineses considerábana como un alimento sagrado, que proporcionaba clarividencia, mentres que o grego Dioscórides sinalou os usos da abelá para curar diferentes enfermidades.
As abelás son importantes na alimentación de moitos roedores, do xabarín e das aves fruxívoras. Teñen propiedades nutricionais e medicinais, xa que son astrinxentes, sudoríferas e antidiarreicas. Tamén úsanse en repostería e como froitos secos. En cosmética, coas abelás elabóranse xabóns, perfumes e suavizantes.
Nas culturas céltico e romanas as abeleiras tiñan poderes místicos, simbolizando fertilidade do matrimonio, proporcionando protección e asegurando a localización de tesouros e da auga. É coñecida a predilección dos adiviños polas pólas de abeleira para localizar veas de auga.
A madeira, branca e flexible, utilízase en ebanistería, cestería, marquetería, tornería e carpintería. Tamén emprégase para facer carbóns de debuxo. A súa plantación tamén serve para fixar noiros e congostras.