
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Nome científico
Pseudotsuga menziesii (Mirb.) Franco
Nome común en galego
Abeto de Douglas ou piñeiro de Oregón
Nome común en castelán
Abeto de Douglas, douglasia o falsa tsuga
Perímetro normal
1,9 metros
Altura
18,6 metros
Diámetro de copa
9,0 metros
Idade estimada
14 anos
Características
Está situado entre as lagoas da Granxa do Xesto, destacando polo seu porte piramidal e o seu carácter perennifolio, rodeado por exemplares frondosos.
Orixe e distribución
Orixinaria de América do Norte, distribúese nas montañas próximas á Costa do Pacífico, dende a Columbia Británica, no suroeste de Canadá, até a zona central de California, no suroeste dos Estados Unidos. Aparece dende preto do nivel do mar até os 1.800 metros de altura, formando parte dos bosques primarios dende mediados do Pleistoceno.
No Reino Unido foi introducida en 1827, probablemente en Escocia. En Francia foi cultivada en 1842, e entre 1844 e 1849, prodúcense as primeiras plantacións en Portugal, sempre en parques ou xardíns de castelos e palacios.
Descrición
Esta conífera, da familia das pináceas, pode vivir máis de 500 anos e pode chegar até os 100 metros de altura, polo que está considerada como unha das árbores máis altas do mundo, despois das sequoias. Na actualidade, a máis alta é o abeto Brummit, descuberto en 1991 en Oregón, con máis 100 metros de altura, sen embargo entre Oregón e Washington, sempre houbo disputas por ver quen tiña o exemplar máis alto. En Europa, o maior abeto de Douglas está no Reino Unido e supera os 55 metros.
A súa cortiza é grosa, con fendeduras e de cor vermella. As follas son acículas curtas, de cor verde escura, dispostas en espiral ao longo das pólas e cun forte cheiro a cítrico. As inflorescencias masculinas son estróbilos verde-amarelos, e as femininas verdosas ou vermellas. A piña é grande, de cor marrón clara e con brácteas tricúspides que sobresaen entre as escamas, conferindo aos conos un inconfundible aspecto.
Etimoloxía
O nome xenérico pseudotsuga, ou falsa tsuga, ven polo seu parecido coas árbores dese xénero. Estas árbores presentaron problemas de clasificación debido á súa similitude con outras coníferas, mais finalmente o botánico francés Carrière integrounas neste novo xénero en 1867.
O específico menziesii fai honra a Archibald Menzies (1754-1842), un botánico escocés que participou na exploración da Costa do Pacífico e documentou a árbore por primeira vez na Illa de Vancouver en 1791. O nome común provén do naturalista e médico escocés David Douglas (1798-1834), que foi quen enviou as primeiras sementes da árbore a Europa en 1827. É a árbore oficial do estado de Oregón, en alusión a outro dos seus nomes comúns.
Usos
No século XIX a Costa Oeste de América do Norte estaba chea de abetos de Douglas de gran tamaño, mais a súa excelente madeira e o tronco recto fixeron que fose sometido a talas intensivas. A madeira, resistente ao ataque de fungos e insectos, ten moitas aplicacións en carpintería e ebanistería. Úsase para facer pasta de papel, vigas e travesas de ferrocarril.
En Galicia é moi empregada tanto para repoboacións forestais como con fins ornamentais en parques e xardíns urbanos. Consérvanse exemplares de gran talla que datan de finais do século XIX ou datas algo posteriores no Castelo de Soutomaior, no Parque do Carballiño ou no Monte Aloia. O seu interese xa era coñecido polo enxeñeiro forestal Rafael Areses, que en 1926 aconsellaba a súa introdución e cultivo nos montes tras o ensaios que efectuou no viveiro de Areás (Pontevedra) e nos montes de Tui e Oia.