Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Abies nordmanniana (Steven) Spach
Nome común en galego
Abeto do Cáucaso
Nome común en castelán
Abeto del Cáucaso
Perímetro normal
1,40 metros
Altura
17 metros
Diámetro de copa
6 metros
Características
Está situado diante de Casa Europa, enmarcando xunto coas palmeiras canarias e os plátanos de sombra a antiga casa de estilo colonial, dándolle aquel aire exótico tan típico das residencias dos emigrantes retornados que proliferaron na costa atlántica na primeira metade do século XX.
O abeto sitúase próximo á capela anexa á Casa Europa, formando parella xunto con outro abeto do Cáucaso, de moito maior porte, situado ao outro lado da escalinata que conduce á residencia desde o paseo dos plátanos de sombra. Ten unha copa marcadamente piramidal.
Orixe e distribución
Ten a súa orixe no Cáucaso, nas costas do Mar Negro e no norte de Anatolia, onde forma bosques puros entre os 400 e 2.000 metros de altitude.
No monte Ararat (Turquía) encóntrase unha boa manifestación da especie, onde se di encontrábanse os Xardíns do Edén e onde desembarcou a arca de Noé. En Galicia o seu cultivo ten fins ornamentais, ao igual que noutras partes de Europa, onde parece que comezou a cultivarse en 1810, aínda que existe unha cita en Polonia de 1806, bastante antes que a súa descrición científica.
Descrición
Entre o conxunto de abetos eurasiáticos e norteafricanos as súas afinidades son maiores coas especies mediterráneas que co abeto branco da Europa Central e setentrional.
De crecemento rápido, en estado silvestre acada 50-60 metros de altura, mais fóra do seu ambiente natural non supera os 30 metros. Pode alcanzar os 300 anos de idade.
De porte piramidal, madeiro recto e codia gris e lisa. Posúe agullas romas, que non caen doadamente cando a árbore seca. As inflorescencias masculinas son amarelas ou avermelladas, e sitúanse na parte inferior da podalla. As femininas son de cor verde amarelenta na floración en primavera, e están dispostas nas partes altas.
As piñas son cilíndricas, erectas e miden de 14 a 20 centímetros, coas brácteas alongadas que sobresaen por enriba das escamas. Aparecen con grande abundancia nas partes superiores da árbore e desarticúlanse en novembro.
Etimoloxía
O nome do xénero xa foi usado por Homero e por Virxilio para referirse ás árbores semellantes. En grego, abios fai referencia á longa vida destas plantas. Non faltan, por outra banda, referencias á súa procedencia do celta abetos.
O nome desta especie de abeto está dedicado ao botánico finés Alexander von Nordmann (1803-1866) que sendo profesor da Universidade de Odessa, descubriu esta nova especie en 1836. O nome común fai referencia á área de procedencia.
Usos
É o abeto clásico do Nadal debido á súa abundante e atractiva follaxe; cultívanse con esta fin, xa que polo xeral está prohibida a súa talla ou extracción indiscriminada nos bosques.
De interese ornamental polo seu porte piramidal, é popular en parques e grandes xardíns. A súa madeira, branca e suave, úsase normalmente para a construción e a fabricación de papel.