mainimg
Código: LP013
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Luís Pasín

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Picea abies (L.) Karsten

Nome común en galego

Abeto do Norte

Nome común en castelán

Abeto rojo o pícea de Noruega

Información

Características

O único abeto do Norte que medra no Parque Luis Pasín está situado ao carón do parque infantil. O seu porte piramidal e as súas acículas destacan entre as especies que a rodean.

Orixe e distribución

Orixinaria de Europa, dende os países nórdicos até os Balcáns, adoita formar bosques convivindo frecuentemente co alerce, en altitudes entre os 800 e os 1.800 metros de altitude. O seu límite suroccidental non acada a Península Ibérica, onde foi introducida como árbore ornamental.

Descrición

Copa piramidal, moi regular. Pode alcanzar os 700 anos de vida e os 70 metros de altura, aínda que xeralmente non supera os 50. O abeto do Norte máis alto mide 63 metros e atópase no Parque Nacional Sutjeska en Bosnia-Herzegovina.

O abeto no Norte rexenérase a partir do seu sistema de raíces, que se conserva vivo cando o madeiro morre, podendo adaptarse aos cambios climáticos, evolucionando de árbore a arbusto.

As acículas son delgadas, ríxidas e punzantes, de sección cuadrangular.

As flores masculinas están situadas ao final das podallas. Aparecen cara o mes de maio e despréndense despois de soltar o pole. As flores femininas, de cor vermella, están agrupadas en conos cilíndricos na parte alta. As piñas son colgantes, ovoides e miden 10-15 centímetros de lonxitude.

Etimoloxía

O nome xenérico fai referencia á pez (pissa en grego e pix en latín) que se extraía por destilación seca da súa resina. Por incisión aínda se extrae unha trementina ou pez de Borgoña. O nome específico débese a que Linneo incluíu esta árbore entre os piñeiros co nome científico de Pinus abies.

Usos

É moi apreciado en xardinería, ocupando un lugar destacado en parques e xardíns europeos, sendo tamén utilizado para reforestación. A súa madeira trabállase moi ben e coa máis escollida dela, chamada de resonancia, construíronse os famosos violíns de Stradivarius e Guarnieri.

Durante séculos foi considerado como símbolo da vida eterna e dicíase que o demo fuxía da árbore mentres tivese acículas.

O abeto vermello está ligado intimamente á tradición escandinava polo seu uso como árbore de Nadal, aínda que noutras partes de Europa é substituído polo abeto branco (Abies alba) ou polo abeto do Cáucaso (Abies nordmanniana).

A árbore de Nadal ten o seu nacemento en Alemaña, na primeira metade do século VIII, cando mentres San Bonifacio predicaba un sermón para convencer aos druídas alemáns de que o carballo non era sagrado, no día de Nadal derrubou un deles. O carballo caeu destruíndo todos os arbustos e árbores máis pequenas que encontrou ao seu paso, dos que conseguiu salvarse un pequeno abeto. San Bonifacio representou isto como unha milagre e chamouno a árbore do Neno Deus. Así, no sucesivo Nadal os cristiáns celebraban a festividade plantando abetos e, posteriormente, este costume evolucionou até dar lugar á actual decoración. Na Península Ibérica, tardou en arraigarse e non foi até mediados do século XX cando se popularizou.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)