
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Albizia julibrissin (Willd.) Durazz.
Nome común en galego
Acacia de Constantinopla, albizia ou árbore da seda
Nome común en castelán
Acacia de Constantinopla, albizia rosada o parasol de la China
Características
Esta árbore atópase situada a carón do Estanque de Méndez Núñez, formando parte destes fermosos xardíns de grande variedade de especies arbóreas, arbustivas e herbáceas, nas que os chorros das fontes, as luces da auga e as aves acuáticas completan un conxunto de gran beleza.
Orixe e distribución
A súa procedencia sitúase en Irán, distribuíndose de forma espontánea polo sur de Asia, nas zonas cálidas dende Turquía até Xapón, onde medra en chairas e vales de area. Cultívase en todo o mundo e destaca o seu uso nas rexións produtoras de café, xa que empregábase para dar sombra aos cafeais.
Hoxe en día medra en Europa e América tras ser introducida, debido á súa gran adaptabilidade. Precisa un emprazamento a pleno sol, séndolle indiferente o tipo de solo, sempre que drene ben e tire a seco. Tolera a salinidade das zonas mariñas, a sequidade e a contaminación atmosférica.
Descrición
Pequena árbore caducifolia da familia das mimosas que alcanza até 12 metros de altura. Ten o tronco delgado e a copa ampla e estendida, coa parte superior achatada. Presenta follas grandes e bipinnadas, con até doce pares de pinnas, cada unha con até 30 pares de folíolos oblongos.
A parte máis característica das acacias de Constantinopla son as flores, provistas de longos estames de cor rosa intensa e aspecto de fíos de seda, dispostos formando umbelas terminais, que aparecen na árbore entre xuño e outubro. Na maioría das plantas, os pétalos teñen a misión de atraer aos insectos para a polinización, sen embargo esta acacia emprega para iso os rechamantes estames.
O froito nace no interior das vainas tipo legume, de forma oblonga e aplanada, de até 20 centímetros de longo e cor parda. No inverno fan un son continuo ao chocar as legumes secas cando sopra o vento.
Etimoloxía
O botánico Alberto Durazzini bautizou o xénero desta planta en homenaxe a Filipo degli Albizzi, nobre florentino que introduciu as sementes da árbore en Europa no 1745, procedentes de Constantinopla, e plantounas no seu xardín de Florencia.
O seu aspecto é tan curioso durante a floración que gañou o alcume de árbore da seda, tradución literal do nome persa Gul-i Abrisham, que pasou a compoñer o seu nome científico, julibrissin. En Persia tamén era denominado shabkhobs, que significa durminte de noite, xa que as follas péchanse lentamente durante a noite e nos períodos de choiva.
O nome común acacia é de orixe grega e deriva de akakia, palabra de significado incerto, e que pode aludir ás espiñas que posúen algunhas delas. Constantinopla alude á cidade de Istambul (Turquía), xa que esta é a súa zona de procedencia.
Usos
Esta planta ten algunhas propiedades medicinais, empregándose a súa cortiza para curar feridas e como vermicida contra os vermes intestinais. Ademais, as legumes e sementes poden servir como alimento para o gando.
Plantouse nos últimos anos como especie ornamental nos parques e xardíns da zona litoral ou sublitoral de Galicia. Emprégase como exemplar illado, en aliñacións ou en grupos. Medra rapidamente os primeiros anos e ten unha vida curta, duns trinta anos, aínda que é pouco propensa ás pragas e enfermidades.
Á súa beleza ornamental, engádese o valor da súa madeira, de cor marrón avermellada con vetas negras, que se emprega en marquetería e ebanistería.