Zona verde
Parque Fluvial das Brañas de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Presa
Historia
A acea é un encoro que se interpón no medio do río para desviar parte da auga á zona que adoita ser regada ou cara os muíños para abastecelos de auga. No caso de que sexa necesario, cómpre cortar a corrente do río, detela e, no seu caso, elevala de nivel, de xeito que leve altura suficiente para as fincas a regar. Nalgúns muíños, a acea non existe e a auga precisada, por non ser moita, tómase directamente do regato abrindo un rego no lugar axeitado.
Son en xeral rectilíneas e feitas para facilitar o tránsito da corrente cara a presa ou canle situada nunhas das ribeiras. Constrúense asentando grandes pedras, obtidas moitas veces do mesmo curso de auga. Polo xeral fanse muros de contención e a parte exposta á corrente non tarda en adquirir unha rampla de residuos, area, terra e pedras que as impermeabilizan contra as filtracións, de forma que a auga sobrante reborda pola parte alta. A súa lonxitude é sempre a do río no que se alza, polo que se procuran lugares estreitos en zonas de desnivel do curso de auga. A súa altura ven determinada pola necesidade da auga. Este pode ser un dos elementos máis resistentes e perdurables da arquitectura da auga porque está pensada para resistir as fortes pendentes. As presas aproveitábanse tamén para habilitar zonas de baño para a comunidade. Neste caso, a Acea das Brañas de Sar, formaba a zona coñecida como dos Dous Olmos.
Antigamente había polo menos dúas presas máis. Unha no tramo alto do río, no lugar coñecido como Vella Juana, que servía para derivar a auga á canle dos muíños dos Lavadoiros e que, ao mesmo tempo, formaría a zona de baño coñecida como O Redondo. Esta desapareceu coa construción do Multiusos Fonte do Sar. A outra presa desaparecida estaría un pouco máis abaixo da Ponte de Sar, e serviría para derivar auga á canle dos muíños de Vilar e de Miguel.
Descrición
Esta presa é a única que se conserva en todo o tramo de río que percorre as Brañas de Sar. Mide 6,40 metros de longo por 8,90 de ancho e contaba cunha comporta de 0,70 por 0,60 metros. Esta presa está situada moi preto da Pontepedriña, no tramo final do río, e servía para desviar a auga por un canal para a rega dos prados da contorna. Está construída asentando grandes pedras de granito cuadrangulares de forma transversal ao río, deixando unha canle de entrada coas comportas mencionadas máis atrás. Por detrás deste muro de granito, vemos un lousado de cachotería de anfibolitas dispostas sen argamasa entre elas, que forma unha rampla para facilitar o tránsito da auga.