mainimg
Código: BS001
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Fluvial das Brañas de Sar

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Prunus lusitanica L.

Nome común en galego

Acereiro ou loureiro de Portugal

Nome común en castelán

Azarero, loro o palo del loro

Información

Características

Está situado no agro a carón do Hórreo da Colexiata do Sar, xunto con outras árbores que compoñen un fermoso xardín que complementa a praza cuberta por plátanos (Platanus x hispanica).

Orixe e distribución

Orixinaria do País Basco francés, Península Ibérica e Marrocos, a súa presenza en Galicia é bastante rara aínda que podemos atopar nalgúns puntos, como no Xurés, no canón do río Arnoia ou na desembocadura do río Deva no Miño.

Sobrevive en moi contados lugares, frescos e ácidos, preto de ríos e lugares onde a choiva faga que non se sequen. Nace até unha altura de 700 metros sobre o nivel do mar, con humidade e temperaturas suaves.

Considérase unha reliquia da era Terciaria, na que as probas da súa presenza na Península Ibérica e a existencia de tres subespecies distintas dan constancia da súa antigüidade. Daquela o clima era máis cálido e húmido, similar ao subtropical, e nestas condicións o acereiro formaba parte da laurisilva que cubría amplas zonas da Península Ibérica e Norte de África. As glaciacións do Cuaternario causou a redución da súa área de distribución.

Descrición

Arboriña perennifolia que soe medir entre 4 e 10 metros, xa que a súa altura é moi variable dependendo do lugar onde medre. Ten a copa baixa, bastante ovoide, tendo o tronco curto e groso, coa cortiza gris.

Ten follas simples, alternas, de forma intermedia entre ovada e lanceolada, lampiñas, coriáceas, coa face lustrosa dunha cor verde escura e o envés máis pálido. Son moi parecidas ás do loureiro (Laurus nobilis), mais as deste son moito máis olorosas.

As flores son moi olorosas, de cor branca, que nacen en longos e estreitos acios ergueitos que agroman das axilas das follas. Florece por maio ou xuño, e excepcionalmente en xullo. Os froitos son pequenas drupas ovoideas, que primeiramente son de cor verde, logo vermellas e negras na madurez, nos meses de verán.

Etimoloxía

Prunus é o antigo nome en latín da ameixeira, que á súa vez provén do grego proúmne. Foi empregado xa por autores clásicos como Virxilio ou Plinio O Vello. O epíteto específico Lusitanica, do latín lusitanicus-a-um, fai referencia a algo que é da Lusitania, nome dado polos romanos a Portugal, en referencia á súa presenza neste país.

Usos

É unha árbore que se emprega como ornamental e tamén para formar peches vexetais, aínda que é rara e escasa en Galicia. Ten unha boa madeira que se emprega na fabricación de mobles, escultura e torneado.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)