Zona verde
Praza de Vigo
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Ilex aquifolium L.
Nome común en galego
Acivro, acevo, xardón ou rascacú
Nome común en castelán
Acebo, agrifolio o cardón
Características
Un par de acivros sitúanse xunto á Fonte da Praza de Vigo. En ambos casos son pés femia, xa que estas árbores son dioicas, e poderemos velas cos seus froitos boa parte do ano. Teñen forma de arboriña, coa copa máis pechada no caso do exemplar próximo á cancela de entrada, mentres que este exemplar ten a copa de forma máis irregular.
Orixe e distribución
É orixinario da Europa occidental e meridional, o oeste de Asia e o norte de África. Na Península Ibérica, as acevedos ou bosques puros de acivros case desapareceron por completo.
Prefiren as zonas sombrías de bosques caducifolios sobre solos ácidos e húmidos, mais ben drenados, polo que adoitan encontrarse exemplares naturalizados na metade norte da península, na aveseda de faiais, carballeiras, piñeirais e mesmo aciñeirais.
Descrición
É unha árbore ou aboriña perennifolia. Pode acadar máis de 20 metros de altura, mais nun xardín non soe medir máis de 8 metros. Son de crecemento bastante lento. O porte pode ser alongado ou piramidal. A codia é lisa e cos anos o seu ton verdoso vira ao gris e aparece finamente agretada.
As súas follas son de bordo ondulado con grandes dentes rematados en púas, de cor verde escuro brillante e duras. Estas espiñas serven para protexer as súas follas do pacer dos animais herbívoros, ademais de evitarlles aos depredadores e aos paxaros que se alimentan das súas baias, aínda que na parte máis alta da copa, hai moitas follas que non teñen estes pinchos.
Todas as follas son perennes, coriáceas, lustrosas e de cor verde escuro na face, e mates e máis claras no envés, aguantando uns cinco anos na árbore. Tamén existen acivros de follaxe variegada, verde con marxes prateadas ou douradas, e amarela con reberetes verdes.
É unha especie dioica, polo que as flores femininas e masculinas prodúcense en pés distintos. As flores do acivro son moi pequenas, perfumadas e melíferas, que atraen ás abellas e outros insectos para a polinización. O período de floración é de maio a xuño, e tanto as masculinas coma as femininas están formadas por catro pétalos brancos nunha corola en forma de rosácea.
Nos pés femininos xorden no outono as características drupas vermellas, que nalgúns cultivares son alaranxadas ou amarelas. Para dar froitos necesitan ser polinizados por un pé masculino e fai falta un por cada dez acivros femininos. Para o humano resultan tóxicos, aínda que hai moitos animais que se alimentan deles.
A especie está protexida polo seu alto valor biolóxico. Durante o inverno os seus froitos e follas perennes serven de alimento e refuxio a numerosas aves e mamíferos.
Etimoloxía
O xénero Ilex ten o seu nome pola semellanza das súas follas coas da aciñeira (Quercus ilex). Existen unhas 400 especies de plantas deste xénero. Entre elas está o mate (Ilex paraguensis), que se toma como infusión polas súas propiedades estimulantes xa que contén cafeína, e está considerada como a bebida nacional en Arxentina, Uruguai e Paraguai, aínda que tamén se consume moito en Brasil e Chile.
O nome específico aquifolium é a acepción latina do acivro, que en latín tardío era acifolium ou acifulum, quizais procedente da unión de acus (agudo ou apuntado) e folium (folla), en alusión ás punzantes espiñas que aparecen en moitas follas. Polo tanto, o seu nome significa aciñeira de folla aguda.
Usos
Cultivada nos parques como especie ornamental, pois soportan a contaminación e o frío intenso. Úsanse como exemplares illados, formando sebes, xa que admiten as podas fortes, e mesmo poden cultivarse en maceta en patios e terrazas.
Nos bosques é unha árbore imprescindible xa que dá acubillo a moitas especies en inverno, protexéndoos do frío e doutros animais. No interior dos acevedos a temperatura está entre 2 e 4 graos superior ao exterior.
A madeira do acivro é moi compacta e dura, podendo afundirse na auga. Utilízase en ebanistería, marquetería e tornería. Emprégase para realizar obxectos decorados con relevos ornamentais e as pólas serven como fustas para cabalgaduras. Toma moi ben as tinguiduras, polo que se fan imitacións do ébano con madeira de acivro tinguida de negro.
As súas ramas cheas de bagas vermellas son un símbolo do Nadal. Xa no Imperio Romano regalábanse pólas de acivro durante a festa de Saturnalia, no solsticio de decembro. En época precristiá, colocábase nas casas durante o inverno para repeler aos malos espíritos. Tamén estaba relacionado con bruxas e encantamentos. A primeira mención de utilización polos cristiáns vén do século XV en Inglaterra, en tempos de Henrique VI.
O uso das pólas de acivro cargadas de drupas vermellas como adorno do Nadal propiciou podas indiscriminadas que, sumadas ás tallas para aproveitar a madeira, teñen posto á especie ao bordo da extinción no seu ámbito natural. Hoxe é especie protexida en amplas zonas de Europa.