
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Cupressus sempervirens L.
Nome común en galego
Alcipreste ou ciprés común
Nome común en castelán
Ciprés
Características
Localízase na entrada do cemiterio, protagonizando o espazo das escaleiras cóncavas que o enmarcan e creando un punto focal co Salón Central dos nichos.
Orixe e distribución
Medra de forma natural en Oriente Próximo (Irán, Siria, Chipre e outras partes do Exeo), mais cultívase dende moi antigo en toda a rexión mediterránea.
Descrición
Árbore perennifolia de forma columnar, de follas escuamiformes de disposición imbricada, de pequeno tamaño e que ceiban un forte olor a resina. Estas pequenas escamas superpóñense moi pegadas, de maneira que ocultan totalmente as poliñas sobre as que se asentan. As flores son pequenas mentres que as piñas son considerabelmente grandes, de 25-40 milímetros de lonxitude e formadas por entre 8 e 14 escamas. Reciben o nome de gálbulos e no outono ábrense para liberar as sementes que se propagan co vento.
O alcipreste ten forma de punta de lanza, aínda que nos xardíns pode presentar portes moi variados xa que o tupido da súa follaxe faino apropiado para a topiaria e a poda decorativa. Pode sobrepasar os 30 metros de altura.
Etimoloxía
O nome procede do latín cupressus, que provén do grego kyparissos, o nome dado ao alcipreste e do que provén o seu nome común. Sempervirens fai referencia a que mantense verde todo o ano, ao igual que o buxo ou a sequoia, coa que comparten o nome específico.
Usos
Utilízase principalmente como planta ornamental. Na antiga Mesopotamia, os alciprestes sinalaban os postos de abastecemento para as caravanas no deserto, polo que se consideraban símbolos de hospitalidade. Na cultura grecolatina asociábanse ao mundo funerario, xa que era a árbore do deus Hades, e na Idade Media converteuse nun elemento habitual dos cemiterios polo seu porte recto que apunta ao ceo, tomado como símbolo de elevación espiritual e transcendencia da alma.
A madeira resinosa e odorífera, semellante á dos cedros, é utilizada en construcións baixo a auga xa que non podrece. Emprégase tamén en instrumentos musicais, sobre todo guitarras. Na Biblia aparece varias veces, pois crese que a arca de Noé foi construída con madeira de esta árbore, así como o Lignum Crucis (a Cruz de Cristo) xa que un fragmento que a Igrexa admite como auténtico, a reliquia de Liébana, está feita con madeira de ciprés.
No Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia aparece un exemplar desta especie, o vello alcipreste situado xunto á Capela do Salvador en Samos, feito que testemuña o seu uso como planta ornamental dende hai séculos.