Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray) Parl.
Nome común en galego
Alcipreste de Lawson ou falso alcipreste
Nome común en castelán
Ciprés de Lawson o falso ciprés
Perímetro normal
5 metros
Altura
18 metros
Diámetro de copa
16 metros
Idade estimada
100 anos
Características
Localízase nas explanadas fronte ao instituto San Clemente, no Campo da Estrela. É o único que se conserva dos que poboaban os xardíns desa área con anterioridade.
Orixe e distribución
Procedente do noroeste de California e suroeste de Oregón (Estados Unidos), ocupa a banda altitudinal costeira comprendida entre 1.200 e 1.800 metros. Por isto tamén é coñecido co nome de cedro de Oregón.
Foi descuberta en 1853 polo vicecónsul francés en California, Boursier de la Rivière. As primeiras sementes chegaron a Europa cara o 1854, enviadas por William Murray, sendo plantadas en Edimburgo, no viveiro do escocés Sir Charles Lawson (1794-1873).
Descrición
Na súa área natural acada uns 60 metros de altura e 4 metros de diámetro, nos casos das árbores máis vellas, chegando aos cinco séculos de vida. Cultivada non supera os 20 metros de altura, o que nos fai ver a excepcionalidade deste exemplar.
É da familia dos alciprestes, mais diferénciase do alcipreste común (Cupressus sempervirens) en que aínda que as dúas teñen as follas escuamiformes, no de Lawson están situadas en brotes planos.
É unha árbore de forma cónica, co madeiro recto, ensanchado na base. A súa codia é bastante grosa, agretada lonxitudinalmente en placas alongadas de cor parda. Ten pólas dende a base, que moitas veces descansan sobre o chan, podendo ser horizontais ou colgantes. As piñas son globosas, miden de 8 a 10 milímetros de diámetro, dispostas sobre un curto pedúnculo.
Etimoloxía
O nome xenérico procede das palabras gregas chamathen (pequeno ou anano) e kuparissos (alcipreste). Esta especie está dedicada ao botánico escocés Sir Charles Lawson, quen plantou as primeiras sementes en Europa.
Usos
Utilízase principalmente como planta ornamental. Con menor frecuencia emprégase como especie de silvicultura pola súa madeira de cor amarela clara, forte, duradeira e doada de traballar. Úsase en ebanistería, embarcacións, mistos e construcións baixo a auga.