mainimg
Código: CA007
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Carlomagno

Barrio

Fontiñas

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Cupressus sempervirens L.

Nome común en galego

Alcipreste ou ciprés común

Nome común en castelán

Ciprés

Información

Características

No forte desnivel da ladeira do Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira, dentro do Parque Carlomagno, a vexetación existente consiste nunha pradaría rústica na que medran poucas especies arbustivas. Os alciprestes son das poucas árbores que podemos atopar nesta zona, xunto coas tuias xigantes (Thuja plicata) ou a camelia (Camellia japonica), todas elas especies verdes todo o ano ao ter a folla perenne. Estes alciprestes da ladeira do Parque Carlomagno colócanse aliñados, formando eixos de perspectiva coa contorna e coas liñas de relevo.

Orixe e distribución

Medra de forma natural en Oriente Próximo (Irán, Siria, Chipre e outras partes do Exeo), mais cultívase dende moi antigo en toda a rexión mediterránea.

Descrición

Árbore perennifolia de forma columnar, de follas escuamiformes de disposición imbricada, de pequeno tamaño e que ceiban un forte olor a resina. Estas pequenas escamas superpóñense moi pegadas, de maneira que ocultan totalmente as poliñas sobre as que se asentan. As flores son pequenas mentres que as piñas son considerabelmente grandes, de 25-40 milímetros de lonxitude e formadas por entre 8 e 14 escamas. Reciben o nome de gálbulos e no outono ábrense para liberar as sementes que se propagan co vento.

O alcipreste ten forma de punta de lanza, aínda que nos xardíns pode presentar portes moi variados xa que o tupido da súa follaxe faino apropiado para a topiaria e a poda decorativa. Pode sobrepasar os 30 metros de altura.

Etimoloxía

O nome procede do latín cupressus, que provén do grego kyparissos, o nome dado ao alcipreste e do que provén o seu nome común. Sempervirens fai referencia a que mantense verde todo o ano, ao igual que o buxo ou a sequoia, coa que comparten o nome específico.

Usos

Utilízase principalmente como planta ornamental. Na antiga Mesopotamia, os alciprestes sinalaban os postos de abastecemento para as caravanas no deserto, polo que se consideraban símbolos de hospitalidade. Na cultura grecolatina asociábanse ao mundo funerario, xa que era a árbore do deus Hades, e na Idade Media converteuse nun elemento habitual dos cemiterios polo seu porte recto que apunta ao ceo, tomado como símbolo de elevación espiritual e transcendencia da alma.

A madeira resinosa e odorífera, semellante á dos cedros, é utilizada en construcións baixo a auga xa que non podrece. Emprégase tamén en instrumentos musicais, sobre todo guitarras. Na Biblia aparece varias veces, pois crese que a arca de Noé foi construída con madeira de esta árbore, así como o Lignum Crucis (a Cruz de Cristo) xa que un fragmento que a Igrexa admite como auténtico, a reliquia de Liébana, está feita con madeira de ciprés.

No Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia aparece un exemplar desta especie, o vello alcipreste situado xunto á Capela do Salvador en Samos, feito que testemuña o seu uso como planta ornamental dende hai séculos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)