mainimg
Código: AL079
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque da Alameda

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Cryptomeria japonica Globosa (L. Fil.) D. Don

Nome común en galego

Alcipreste do Xapón

Nome común en castelán

Ciprés del Japón

Información

Características

Está situado nos xardíns que rodean ao Estanque de Méndez Núñez, formando parte destes fermosos xardíns de grande variedade de especies arbóreas, arbustivas e herbáceas, nas que os chorros das fontes, as luces da auga e as aves acuáticas completan un conxunto de gran beleza.

Orixe e distribución

A variedade globosa foi descuberta en 1923 en Xapón, onde foi denominada Mitama-sugi.

Esta especie vive de forma natural no centro e sur do Xapón, onde foi descuberto polo botánico alemán Koempfer a finais do século XVII. Tamén se pode atopar no sur da China, onde parece que se tornou silvestre a partir de exemplares introducidos dende o Xapón. En Europa introduciuse en 1844, concretamente nos xardíns Kew de Londres.

Descrición

Na súa área de orixe vive entre os 200 e 2.000 metros de altitude, acadando 60 metros de altura e uns 180 anos de idade, mais o cultivo non supera os 25 metros. O exemplar máis grande e vello é o Jomon Sugi de Yakushima (Xapón) que mide uns 26 metros e ten máis de 2.000 anos.

Aínda que é unha árbore de forma piramidal, a variedade globosa forma unha copa baixa, densa e en forma de cúpula. Ao igual que na variedade arbórea, as follas están dispostas en espiral, acidulares punzantes, que no outono toman unha cor marrón para despois recobrar o verdor en primavera. No caso desta variedade, medran máis preto das pólas, que ademais cóbrense unhas a outras formando un conxunto moito máis mesto.

Etimoloxía

O seu nome xenérico deriva do grego kryptos (oculto) e meros (parte), debido a que as partes da súa flor son difíciles de distinguir. Está considerada como a árbore nacional de Xapón, onde se lle chama sugi. Tamén aparece referida co seu antigo nome inglés de cedro xaponés, mais estase a descartar porque non é un auténtico Cedrus.

Usos

En Europa cultívase en solos ácidos e baixo climas apropiados para o castiñeiro, principalmente como ornamental grazas ao seu porte esvelto, rápido crecemento e aspecto feble da ramificación. A isto hai que engadir o efecto da súa follaxe invernal de tons vermellos. Pola súa gracilidade, dicía Rafael Areses, semella o modelo representado en quimonos, biombos e lacas xaponesas. Ocasionalmente aproveitase polas súas características como especie forestal. A súa madeira pardo-vermella, máis ou menos clara, doada de traballar e de moi bo aspecto despois de pulida, úsase para construcións sólidas como templos, peiraos e portos, mais sobre todo para interiores.

En Xapón destaca una avenida de 65 quilómetros cunha aliñación de 13.000 sugis marcando o percorrido cara un templo xintoísta preto de Tokio. Foi mandada plantar a principios do século XVII por un señor feudal como ofrenda ao templo.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)