
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Cryptomeria japonica (L. Fil.) D. Don
Nome común en galego
Alcipreste do Xapón
Nome común en castelán
Ciprés del Japón
Características
Emprazado na cabeceira dunha das rúas vexetais que delimitan os paseos nesta zona da Ferradura. Está flanqueada polas dúas aliñacións de palmeiras e conecta coa zona do xardín onde está colocada a Fonte dos Condes de Altamira.
Orixe e distribución
Vive de forma natural no centro e sur do Xapón, onde foi descuberto polo botánico alemán Koempfer a finais do século XVII. Tamén se pode atopar no sur da China, onde parece que se tornou silvestre a partir de exemplares introducidos dende o Xapón. En Europa introduciuse en 1844, concretamente nos xardíns Kew de Londres.
Descrición
Na súa área de orixe vive entre os 200 e 2.000 metros de altitude, acadando 60 metros de altura e uns 180 anos de idade, mais o cultivo non supera os 25 metros. O exemplar máis grande e vello é o Jomon Sugi de Yakushima (Xapón) que mide uns 26 metros e ten máis de 2.000 anos.
Árbore de forma piramidal, con follas dispostas en espiral, acidulares punzantes, que no outono toman unha cor marrón para despois recobrar o verdor en primavera.
Etimoloxía
O seu nome xenérico deriva do grego kryptos (oculto) e meros (parte), debido a que as partes da súa flor son difíciles de distinguir. Está considerada como a árbore nacional de Xapón, onde se lle chama sugi. Tamén aparece referida co seu antigo nome inglés de cedro xaponés, mais estase a descartar porque non é un auténtico Cedrus.
Usos
En Europa cultívase en solos ácidos e baixo climas apropiados para o castiñeiro, principalmente como ornamental grazas ao seu porte esvelto, rápido crecemento e aspecto feble da ramificación. A isto hai que engadir o efecto da súa follaxe invernal de tons vermellos. Pola súa gracilidade, dicía Rafael Areses, semella o modelo representado en quimonos, biombos e lacas xaponesas. Ocasionalmente aproveitase polas súas características como especie forestal. A súa madeira pardo-vermella, máis ou menos clara, doada de traballar e de moi bo aspecto despois de pulida, úsase para construcións sólidas como templos, peiraos e portos, mais sobre todo para interiores.
En Xapón destaca una avenida de 65 quilómetros cunha aliñación de 13.000 sugis marcando o percorrido cara un templo xintoísta preto de Tokio. Foi mandada plantar a principios do século XVII por un señor feudal como ofrenda ao templo.