mainimg
Código: LP008
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Luís Pasín

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Ligustrum lucidum W.T. Aiton

Nome común en galego

Alfaneiro xaponés ou ligustro chinés

Nome común en castelán

Aligustre de China

Información

Características

Esta árbore está situada a carón do parque infantil do Parque Luis Pasín, xunto ao noiro formado polo desnivel do terreo.

Orixe e distribución

Procede dos outeiros e vales fluviais do sueste de Asia, en China, Corea e Xapón. Foi introducida en Europa en 1794, onde é cultivada con frecuencia nas rexións con invernos suaves polas súas calidades ornamentais, debido ao lustre das súas follas e a súa resistencia á poda. Aínda que é moi frecuente nos parques galegos, nos se atopa naturalizada.

Descrición

Arboriña perennifolia que soe medir de 4 a 8 metros de altura, de copa frondosa que proporciona abondosa sombra e tronco de cortiza lisa e gris, que vai agretando coa idade.

Follas simples, coriáceas, alongadas e case elípticas, de cor verde escuro brillante na face e máis pálidas no envés. Rematadas nunha punta alongada ou gotexador, que representa unha adaptación á alta humidade, facendo que a auga escorra e pingue por elas e evitando o enchoupamento das follas. Esta é a especie de alfaneiro coas follas máis grandes (8-12 centímetros), se o comparamos cos alfaneiros de folla oval (Ligustrum ovafolium) e ligustros (Ligustrum vulgare) de folla máis pequena.

As flores aparecen a partir de maio de forma moi vistosa. Son brancas e moi recendentes, que aparecen agrupadas en grandes ramalletes terminais chamados panículas multifloras. No verán cobren ricamente as pólas creando un estético efecto.

Os froitos son bagas globosas de cor negra, de 1 centímetro de lonxitude e que conteñen de 1 a 3 sementes. Maduran en outono mais permanecen moito tempo na árbore, polo que constitúen un bo alimento no inverno para os paxaros, aínda que non para as persoas, pois son tóxicos. Non existe, non obstante, un alto risco de envelenamento accidental, pois é tan amargo o seu sabor que non adoita pasarse da primeira dentada.

Etimoloxía

Ligustrum sería o nome que usaban os romanos para outra especie do xénero. Plinio utilizou como derivado do verbo latino ligare (atar), debido á flexibilidade que caracteriza ás poliñas novas. Polas súas follas brillantes e lucidas, a especie foi cualificada de lucidum (lustroso).

Usos

Moi utilizada como ornamental no sur de Europa, posto que admite fortes podas e resiste ben a contaminación atmosférica. Soe utilizarse como árbores de aliñación bordeando as rúas e avenidas, mais tamén se emprega na topiaria e para a formación de sebes.

A medicina oriental utilizou as distintas especies de alfaneiros para tratar diferentes doenzas, mais principalmente empregouse como fortalecedor do sistema inmunolóxico xa que os froitos conteñen ligustrina, un ácido oleico.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)