
Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Prunus domestica L.
Nome común en galego
Ameixeira, ciroleira, claudieira ou fatoeiro
Nome común en castelán
Ciruelo, cirolero, pruno o zervellera
Características
Está situada nun lateral do parque infantil, ao outro lado da figueira (Ficus carica), enmarcando a área de xogos. Aínda que destaca polo seu gran porte durante todo o ano, é na primavera durante a época de floración previa á saída das follas cando esta árbore está máis fermosa, ben merecendo que paremos uns intres a contemplala e deleitarnos coa súa beleza ao igual que fan os xaponeses cando celebran o seu festival das ameixeiras ou hanami.
Orixe e distribución
A súa orixe é discutida por ter sido cultivada durante séculos e a gran cantidade de variedades distintas que se coñecen. Crese que procede de Persia (actual Irán) e que os romanos introducírona en Europa cara o século II d.C.
Hai dous grandes grupos de variedades de ameixeiras: as europeas (Prunus domestica) e as asiáticas (Prunus salicina). Parece definida a ameixeira xaponesa, de inferior calidade que as europeas, mais masivamente cultivada en Estados Unidos e Australia. Sen embargo, as estirpes europeas son máis difíciles de precisar. Segundo algúns botánicos, poderían proceder do abruñeiro (Prunus spinosa), pois en algúns países aínda coexisten os tipos silvestres cos cultivados.
En España, a ameixeira cultívase en todas as rexións, sendo Murcia co 30% e Valencia co 25%, as comunidades autónomas con maior produción de ameixas, polo que ocasionalmente aparece naturalizado en bosques e lindes. En Galicia tamén é unha froiteira moi cultivada nos pomares dende a antigüidade. Algunhas variedades tradicionais son: o fatoeiro (dá os fatóns, alongados e amarelos), a claudieira (dá as claudias ou ambruíñas, de cor verde) ou o mirabeleiro (dá os mirabeis, pequenos e moi doces).
Descrición
Árbore caducifolia, de copa irregular e aberta, co tronco estreito e que alcanza entre 10 e 15 metros de altura. A cortiza pardogrisácea é inicialmente lisa, que vaise estriando co tempo.
Follas alternas ou agrupadas en acios, de até 8 centímetros de lonxitude e 5 centímetros de anchura, obovadas ou elípticas, delgadas e finamente dentadas. As flores pequenas de pétalos brancos nacen habitualmente en grupos de dous ou tres, e aparecen sobre a árbore pouco antes das follas. Estas flores son moi aprezadas no Xapón dende a antigüidade como representativa da primavera.
Tras a polinización medra no ovario da flor un froito globular, tipo drupa monocarpelar, que na madurez coloréase de modo diverso segundo a variedade: negro, azulado, púrpura, vermello, amarelo, verdoso... Son moi apreciadas polo seu valor nutricional, xa que teñen moita fibra e vitaminas.
Etimoloxía
Prunus é o antigo nome en latín da ameixeira, que á súa vez provén do grego proúmne. Foi empregado xa por autores clásicos como Virxilio ou Plinio o Vello. Domestica é o epíteto latino que quere dicir cultivada.
Usos
Cultívase dende a antigüidade para uso agrícola debido ao seu froito (a ameixa), destinado principalmente ao consumo directo en fresco. Tamén pode utilizarse desecada, o que se coñece como cirola pasa ou briñola, ou para elaborar compotas e marmeladas.
O aceite extraído do seu oso pode empregarse con usos alimentarios, e coa polpa faise un licor en Hungría similar ao kirsch alemán de cereixa. Na actualidade, tras numerosos cruzamentos, presenta numerosas variedades que ofrecen froitos diferentes en aspecto e sabor.
A dura madeira da ameixeira ten un aspecto moi atractivo xa que nunha soa peza a cor pode variar entre o púrpura intenso e un marrón lixeiro. É por iso que se utiliza na fabricación de mobles ou parqués. Ademais ten moi boas características acústicas, polo que se emprega na elaboración de instrumentos musicais de vento como frautas e óboes.