
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Prunus cerasifera var. Pissardii (Carrieère) Koehne
Nome común en galego
Ameixeira xaponesa ou cerdeira de xardín
Nome común en castelán
Ciruelo de Pissard, ciruelo rojo o ciruelo de Japón
Características
Situada na ladeira que vai dende o Paseo das Letras Galegas, onde se atopa o Monumento a Rosalía de Castro, cara a parte baixa do parque, na zona de xogos infantís e o Monumento a Manuel Ventura Figueroa.
Orixe e distribución
Variedade de cultivo do Prunus cerasifera procedente da Península de Crimea, na costa setentrional do Mar Negro. Foi introducido en Francia a finais do século XIX por Ernest François Pissard, o xardineiro do Shah de Persia, quen enviou mostras desta nova variedade. Grazas á súa beleza e gran capacidade de adaptación a diferentes condicións climáticas, foi pronto empregado nos xardíns de toda Europa, para posteriormente ser enviado a outros continentes.
Descrición
Pode ter forma de arbusto ou de pequena arboriña caducifolia, que pode acadar até 8 metros de altura. Posúe unha copa ampla e redondeada, formada por pólas abertas e ascendentes. A cortiza é lisa e escura, mentres que a madeira é dura e vistosa, propia das árbores froiteiras.
Posúe follas simples, alternas, de marxe serrada e forma ovoide, que destacan pola súa intensa cor púrpura. As flores están formadas por cinco pétalos de cor rosada, que forman pequenos grupos de dúas ou tres, aparecendo a finais do inverno ou a principios de primavera, antes de que agromen as follas, o que é común dentro do xénero Prunus.
Os froitos, de cor negra ao madurar, son drupas globosas polo que teñen un aspecto parecido ao das olivas ou as cereixas.
Etimoloxía
O nome desta árbore foi determinado en 1784 por Jakob Friedrich Ehrhart (1742-1795), discípulo de Carlos Linneo. Prunus é o antigo nome en grego e latín da ameixeira, e foi empregado xa por Virxilio ou Plinio O Vello. O epíteto cerasifera alude a que os seus froitos son similares ás cereixas.
O nome da variedade, Pissardii, está dedicado ao xardineiro francés Ernest François Pissard, quen descubriu que a póla dunha ameixeira dos xardíns do palacio de Tabriz presentaba unha curiosa mutación, xa que tiña as follas dunha cor diferente. Pissard conseguiu estabilizar a mutación e obtivo esta nova variedade de ameixeira, propagándoa polo mundo.
Usos
As súas follas, dende que aparecen en primavera até que caen no outono, presentan unha fermosa cor púrpura. Esta característica converteuna nunha das árbores máis empregadas nos xardíns de todo o mundo, posto que permite crear atractivos efectos paisaxísticos aproveitando a súa capacidade de presentar un contraste fronte ás cores verdes dominantes nos xardíns. Aparece frecuentemente en ringleiras ou formando pequenas agrupacións, e tamén como árbore urbana nas beirarrúas da nosa cidade.
As flores da ameixeira xaponesa son empregadas na elaboración dunha das fórmulas do sistema de remedios florais de Bach, útil para aportar calma e serenidade en caso de ansiedade. Cos froitos tamén se elabora unha marmelada de alta calidade.