mainimg
Código: BR003
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Identificación

Nome científico

Alnus glutinosa (L.) Gaertner

Nome común en galego

Ameneiro, amieiro ou abeneiro

Nome común en castelán

Aliso o alno

Información

Características

Está situado a carón do paseo entre a canle que fornecía de auga á Fábrica de Papel de Laraño e o río Sar. Destaca polo seu grande porte e por ter o tronco dividido, polo que asemellan dous exemplares medrando xuntos. Ten a caule colonizada por hedra (Hedera helix) que aproveita a súa presenza para gabear cos seus gabiáns na procura de luz.

Orixe e distribución

Especie presente de forma natural en Europa, Norte e Noroeste de Asia, penetrando en Asia Menor e o Cáucaso até Irán, e noroeste de África. É frecuente nos bosques de ribeira, xa que prefiren chans húmidos, incluídos os encharcados ou temporalmente inundados como poden ser os das beiras dos ríos. É unha especie indicadora da presenza de auga nun terreo.

Nas raíces máis delgadas e superficiais ten uns nódulos que conteñen unha bacteria simbiótica do grupo dos Actinomyces, que fixa o nitróxeno atmosférico á terra e que a árbore pode incorporar aos seus tecidos, polo que grazas a ela, esta árbore vive en ambientes pobres e encharcados nos que poucas especies máis poden sobrevivir.

Descrición

Árbore monoica caducifolia de crecemento rápido e vida curta, xa que pode alcanzar até preto dos 25 metros de altura en pouco tempo, mais raras veces alcanza os cen anos de idade. Ten a copa piramidal cando é nova, mais ao medrar arredóndase e tende a inclinarse cara a corrente de auga que acouta. A cortiza é de cor gris interrompida por campos alargados máis ou menos cuadrangulares.

As follas son alternas, de contorno cuneiforme coa máxima anchura no terzo anterior da folla, co vértice retraído ou ás veces un pouco acuminado. O bordo está profundamente bidentado e lixeiramente ondulado, tendo os nervios foliares moi marcados.

As flores aparecen na primavera antes de que saian as follas de cor púrpura e agrupadas no inverno. As masculinas en parellas, mentres que as femininas forman grupos máis grandes que despois de ser fecundadas convértense en amentos leñosos, semellantes a conos alargados de coloración marrón escura. Permanecen na árbore durante todo o ano, polo que son fáciles de recoñecer xa que ningunha outra especie caducifolia europea presenta tal característica.

Etimoloxía

O nome do xénero alnus é o que empregaban en latín para nomear a esta árbore, mais tamén chamaban así aos chopos e outras especies que viven nas beiras dos ríos. Parece derivar do celta, formado por al, preto, e lan, ribeira.

Debe o seu nome específico de glutinosa ao tacto pegañento e viscoso das xemas, follas e pólas novas, debido á secreción que produce esta árbore.

Usos

Ten un alto valor ornamental, especialmente pola súa abundante follaxe. Ten gran importancia na recuperación da fertilidade de chans empobrecidos xa que por unha banda achega nitróxeno ao terreo e por outra a descomposición das súas follas proporciona un acolchado de boa calidade. Tamén é unha especie moi empregada para fixar dunas interiores e formar barreiras contra o vento.

A madeira do ameneiro púlese e tingue con facilidade, polo que é empregada en carpintería, ebanistería e tornería. É moi duradeira somerxida na auga, polo que se emprega en obras hidráulicas, para postes e pilotes de pontes ou muíños. Esta madeira foi utilizada na construción da cidade de Venecia.

Tras a tala, a madeira coloréase intensamente, xa que pasa de amarelo a alaranxado, o que deu lugar a moitas lendas e supersticións europeas. En Alemaña existe a crenza de que a árbore alberga a un espírito maligno denominado Erlkönig, célebre por aparecer na obras de Goethe e do compositor Schubert.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)