
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Arquitectura civil
Cronoloxía
1933
Historia
A normativa recollida no Decreto do 8 de decembro de 1932, durante a presidencia de Niceto Alcalá-Zamora, permitiu a instalación de emisoras locais de radio. Mostra o interese polo fenómeno da radiodifusión, aínda que eran moi poucos os fogares con receptores.
A primeira antena de radio de Galicia foi esta EAJ-4, da emisora da Unión Radio (antecesora da actual Sociedad Española de Radiodifusión). As primeiras emisións de proba comezaron o domingo 8 de xaneiro do 1932, e a pesar dos problemas de financiamento e de funcionamento, o 15 de xaneiro quedou inaugurada oficialmente. Dende o 26 de abril comeza a utilizarse o indicativo completo da emisora EAJ4, con poste radiante e emisora en San Domingos e os estudios na Praza da Universidade.
A iniciativa radiofónica xurdiu dun grupo de persoas que buscaban promover o estatuto de autonomía de Galicia nos tempos da Segunda República, a denominada Liga Santiaguesa Pro Estatuto. Procuraban un ampolo apoio social, para o que era necesario difundir as súas ideas, polo que a radio, de recente aparición no estado, era un método eficaz para acadar apoio ao Estatuto e espertar os sentimentos autonomistas. Igual que a imprenta no século XV e a prensa dende o XVIII difundiran os documentos escritos, a radio suporá a superación das distancias espaciais e as fronteiras informativas para a difusión das ideas.
Grazas a esta antena difundíronse por Santiago as palabras de Castelao ou de Alexandre Bóveda en apoio ao Estatuto e á autonomía. Tamén houbo transmisións musicais en directo, espazos informativos e programación de ámbito cultural, entre a que destaca a emisión de Cativeces, contos galegos narrados por Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) e o programa de entretemento Vaites, vaites! O primeiro locutor da emisora é Diéguez; despois chegaría o Speaker Pazos e Ángel Peña. Para os comezos de emisión empregábanse os tanxidos das campás da Catedral.
Durante a Guerra Civil, os medios de comunicación son incautados. Ao inicio do Levantamento Militar, funcionaban en España oito emisoras comarcais e 60 locais. As emisoras galegas foron rapidamente tomadas polo bando nacional: o 19 de xullo foron intervidas Radio Coruña EAJ-41 e Radio Orense EAJ-57. Pronto foron tomadas Radio Galicia en Santiago, Radio Pontevedra EAJ-40 e Radio Vigo EAJ-48.
Radio Galicia queda desconectada de Unión Radio e tivo que manter a programación baixo a censura da guerra. Nestes anos, a propaganda a favor do Estatuto de Autonomía cámbiase por alocucións patrióticas a favor do exército de Franco e sobre cuestións históricas.
Descrición
A emisora da Unión Radio Galicia instalou en 1933 cunha antena na parte alta do parque de San Domingos de Bonaval, pola idoneidade de ser un cumio próximo á cidade dende o que poder transmitir as súas ondas. Constituirá a primeira actividade radiofónica galega, nunha etapa caracterizada polas emisoras privadas, modestas e de escasos recursos, comezada en 1924 coas primeiras emisoras de radio do estado.
A montaxe da emisora comezou o 2 de xaneiro de 1933. Ao principio, pensouse instalar a antena na torre da Igrexa de San Agostiño, mais finalmente decidiu situarse no patio do desamortizado convento de San Domingos de Bonaval. A antena constaba de dous mastros metálicos de 35 metros de altura, que difundían os programas que se gravaban nos seus estudios instalados na Praza da Universidade, preto da Porta de Mazarelos.
Na actualidade atópase no cumio da carballeira, só queda unha pequena mostra da parte baixa da edificación e conta cunha placa conmemorativa que di o seguinte:
A radio en Galicia naceu aquí. No cumio de Bonaval instalouse a primeira antena da emisora decanade Galicia, Unión Radio Galicia EAJ-4 no mes de xaneiro de 1933. Compostela quere lembrar así a decisiva aportación da radio na defensa das liberdades e da identidade propia de Galicia. Xuño 2000 Santiago de Compostela.