
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Historia
A consolidación dos frades dominicos en Santiago ten lugar na década de 1220, cando fundaron o mosteiro de Santa María de Bonaval, advocación que cambiou a finais do século XIV pola de Santo Domingo. En 1228 temos constancia da primeira doazón ao mosteiro, e no 1230 os frades compran o Campo da Almáciga para destinalo á horta e dependencias do convento.
A pesar dos lóxicos cambios introducidos na rehabilitación do parque, aínda hoxe podemos facernos unha idea das labores agrícolas que os frades dominicos levaban a cabo nesta área, onde se plantaban herbas medicinais para a botica e coas que curar aos enfermos que acudían ao convento en busca de axuda, os campos de centeo cos que elaborar o pan tras moer os seus grans, as árbores froiteiras e as verduras para a alimentación dos relixiosos, que compartían a súa mesa cos mendigos e os peregrinos.
Mediante portas con escaleiras que aínda hoxe podemos atopar no muro setentrional do claustro do antigo convento de San Domingos de Bonaval, que comunicaríase mediante estes accesos coa súa horta e a eira. Na actualidade este lateral do edificio alberga as salas ocupadas pola mostra etnográfica do museo, mais na época anterior a desamortización do convento poderíamos atopar unha serie de dependencias relacionadas co traballo hortícola e a colleita: adega, corte, alpendre, botica e enfermería, cociña e refectorio.
Descrición
Para solucionar o novo acceso desde a Porta do Camiño e a Costa de San Domingos, a finais do século XX, Álvaro Siza e Isabel Aguirre, ordenan o espazo do parque situado entre o Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea para formar unha nova entrada ao parque. Esta converterase na máis utilizada das catro que ten o Parque de San Domingos de Bonaval.
A través do espazo formado polos edificios do CGAC e o Museo do Pobo Galego accédese á antiga área de hortas e da eira do antigo convento. Na rehabilitación do espazo conserváronse as pequenas casas e os vellos muros das ruínas como elementos de referencia de escala entre os dous grandes edificios museísticos e como un recordatorio da evolución histórica da morfoloxía da finca.
A área está delimitada polo muro perimetral, as edificacións dos centros de exposicións e a orografía en marcada pendente dende a zona máis elevada, na que se sitúa a carballeira. Este desnivel está superado grazas a sucesivas terrazas, un gran muro de contención realizado en xisto e unha empinada rampla que servía para facilitar o paso de carruaxes e os carros de labranza.
Esta rampla destaca polo seu impresionante tamaño, xa que comunica os diferentes espazos en desnivel mediante unha pasarela inclinada de xisto duns 3 metros de ancho conectada a un valo de xisto con pranchas de granito na parte superior que serven ao mesmo tempo de varanda e de asentos.
Cada unha das terrazas e explanadas desta zona das hortas está protagonizada por un elemento artístico ou vexetal que a caracteriza, focalizando os puntos de fuga: o gran castiñeiro da eira situada na terraza máis baixa da área da horta, a Porta de Música de Chillida, as camelias (Camellia japonica) do Xardín dos Frades e a fonte de San Domingos na explanada das dúas tuias xigantes (Thuja plicata).
Na actualidade, o muro perimetral atópase bordeado por pradairos xaponeses (Acer palmatum) unhas pequenas arboriñas que crecen de modo natural nos bosques húmidos asiáticos e cuxas follas toman no outono unha espectacular cor vermella intensa, polo que en Xapón empregáronse como fonte de inspiración de poemas, pezas musicais, obras de arte ou no deseño dos debuxos dos kimonos. Ademais existe a tradición de saír a contemplalos coa coloración outonal (o Momiji Geri, que marca o comezo do outono en Xapón).