mainimg
Código: CO001
-
Compostaxe
Localización

Barrio

Salgueiriños-Meixonfrío

Parroquia

San Caetano

Información

Tipoloxía

Área municipal de compostaxe

Descrición

A rede de áreas de compostaxe municipal de Compostela púxose en marcha no 2012 na Selva Negra. Esta rede constitúena unha serie puntos de produción sostible de compost orgánico situados dentro das zonas verdes municipais, que serven para a reciclaxe dos restos vexetais recollidos nas tarefas de mantemento dos parques e xardíns da cidade. O plan de compostaxe está desenvolvido polo Concello de Santiago, responsable das zonas verdes municipais e que promove a xestión sostible dos restos vexetais e respectuosa co medio ambiente.

A área de compostaxe do Polígono da Costa Vella recibe os restos vexetais das zonas verdes de San Caetano, Salgueiriños e Meixonfrío. Ademais da do Polígono da Costa Vella, hai áreas de compostaxe nas Brañas de Sar, na Selva Negra, na Volta do Castro e no Parque de Carlomagno. Trátanse anualmente uns 1.200 metros cúbicos, cunha produción de compost orgánico de 650 metros cúbicos, máis sostible que o fertilizante producido de xeito industrial.

O compost producido está libre de produtos fitosanitarios, obtido dos restos vexetais recollidos nas tarefas de poda e sega das zonas verdes, e non supón un perigo para a seguridade e benestar dos cidadáns, xa que o proceso non implica a aparición de malos cheiros, ao tempo que se garante a perfecta integración nas zonas verdes da cidade. Colócanse en áreas especialmente acondicionadas e sinalizadas con paneis divulgativos que explican o proceso de compostaxe.

Como sistema para a compostaxe, emprégase o sistema de pilas volteadas, por ser o de máis baixo custo. Este método consiste no triturado e mestura equilibrada dos residuos de materiais vexetais producidos no mantemento dos parques. O material triturado colócase en grandes pilas onde se realizará a fermentación, de dimensións de 3 metros de ancho, 1,5 metros de alto e lonxitudes comprendidas entre 15 e 30 metros.

Data de construcción

2012

Información

Os habitantes de Santiago de Compostela podemos gozar cada día de moitas zonas verdes presentes no termo municipal, mais o coidado destes espazos orixina abundantes restos vexetais. Hai anos os restos vexetais tiñan como destino os vertedoiros (onde simplemente se acumulaban e enterraban), mais hoxe en día o respecto e preocupación polo medioambiente procura unha xestión dos recursos máis sostible dende o punto de vista ambiental, social e económico. Coa compostaxe dos restos vexetais estímase un aforro económico duns 33.000 € ao ano con respecto ao tratamento destes nun xestor autorizado (Sogama).

Na actualidade as estratexias de xestión dos residuos apostan pola redución destes restos de xardinería e a súa reutilización mediante medios como a compostaxe, dándolles un novo valor en orixe, para non xerar ningún transporte.

Os parques e xardíns da cidade posúen unha gran superficie de céspede, polo que a sega produce a maior parte dos restos das zonas verdes, seguido pola poda. Esta estratexia de xestión consiste en non recoller os restos de herba cando se corta o céspede, deixándoos en pequenos anacos sobre o chan. Con isto prevense a acumulación de residuos e devólvese ao solo a auga e os nutrintes acumulados no céspede, reducindo así a necesidade de fertilizar.

O destino do compost son os parques da cidade e as hortas municipais, onde utilízase de dúas formas:

- Acolchado: o compost fresco que aínda non finalizou completamente o proceso de compostaxe emprégase como mulching ou acolchado, poñéndose sobre o chan imitando o proceso natural que podemos atopar na terra dos bosques, onde os detritos se reintegran ao medio a través da acción dos microorganismos descompoñedores. Este humus mellora as características do solo xa que proporciona sustancias nutritivas para as plantas, favorece a absorción e retención de auga, facilita a circulación do aire, limita os cambios bruscos de temperatura e humidade e forma o hábitat de minúsculos seres vivos.

- Fertilización: o compost maduro pode mesturarse coa terra para utilizalo como fertilizante, xa que aporta minerais e oligoelementos ao solo, ao mesmo tempo que mellora a súa estrutura e favorece a capacidade de aireación e retención da auga. Tamén se reduce a erosión, enriquece a microfauna e aumenta a resistencia aos ataques das pragas. Ademais é beneficioso para o medio ambiente, xa que o carbono queda case todo fixado como unha materia orgánica estable, polo que as emisións deste gas á atmosfera son mínimas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)