
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Conxunto escultórico
Cronoloxía
1993
Autor
César Lombera
Historia
Maruxa e Coralia Fandiño Ricart eran costureiras e tiñan o seu obradoiro na rúa do Espírito Santo. A súa actitude irreverente e o gusto polas cores foron un xeito de resistir e erguer a voz contra o réxime franquista, que pagara con elas a disidencia dos seus irmáns.
En efecto, nos tempos posteriores ao Golpe de Estado de 1936 a Garda Civil buscou tres dos seus irmáns para detelos (Manuel, Afonso e Antonio) pois eran sinalados militantes do movemento anarquista na cidade. Manuel conseguiu agocharse na casa familiar da rúa da Carricova e alí estivo até que pasou á clandestinidade; comezou entón o sufrimento de Maruxa e Coralia, pois foron acosadas e aldraxadas para forzar a entrega do irmán.
Os seus paseos e o seu aspecto foron un exemplo de resistencia e resiliencia e por iso foron moi queridas pola veciñanza da cidade. A que leva o paraugas é Coralia e a baixiña, Maruxa.
Descrición
Esta alegre peza de bronce coloreada representa as irmás Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, que foron coñecidas na cidade e xa en vida como as dúas en punto ou as dúas Marías en alusión á súa puntualidade á hora de saír xuntas a pasear. O escultor César Lombera recolle a súa esencia nesta escultura que hoxe é unha das máis queridas e características da cidade; toma como punto de partida as fotografías que delas nos quedaron, a súa lenda e a querenza da veciñanza por estas súas mulleres que trouxeron cor e rebelión á Compostela gris e triste do franquismo.
Están retratadas con gran naturalidade e situadas no punto xusto onde daban por rematado o seu paseo diario. O xesto, as cores e mesmo esa posición a rentes do chan, sen nada que as separe de nós, fan desta escultura unha peza moi singular e é hoxe unha icona da cidade. Muda cos tempos, pois o propio artista encárgase cada certo tempo da restauración da peza, cambiando as súas cores e revivindo a viveza daquelas mulleres.
Bibliografía
Micropatrimonio de Compostela - Escultura Contemporánea. Concello de Santiago e Compostela Cultura, 2019