
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Banco
Cronoloxía
Contra 1870
Autor
Fábrica de Sargadelos
Historia
Antonio Raimundo Ibáñez (1749-1809) fundou en 1793 unha fábrica de cerámica dedicada á fabricación de pezas elegantes segundo as técnicas e tendencias do seu tempo e hoxe, despois dunha existencia azarosa, Sargadelos segue a levar o nome de Galicia polo mundo. Non obstante, o primeiro proxecto de Ibáñez foi un complexo siderúrxico orientado a fornecer á Real Armada; a mediados do século XIX, a fundición tiña unha produción diversificada, tanto con pezas de uso máis cotián como con obxectos personalizados como é o caso destes bancos.
Descrición
En 1866 o Concello encargou a elaboración de bancos de pedra para adornar o paseo central e para delimitar os seus percorridos. A base de pedra foi deseñada polo arquitecto Manuel Prado y Vallo e os respaldos foron encargados á fundición de Sargadelos, que pecharía en 1875.
As pezas de forxa están presentes mesmo en fotos moi antigas da Alameda así que forman parte intrínseca da súa paisaxe. A súa decoración é moi artística e é proba viva da pericia daqueles mestres; amosan nenos con instrumentos musicais e xogando con esquíos nun contexto de decoración vexetal que resulta axeitado para esta contorna.