mainimg
Código: AM003
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque do Monte da Almáciga

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Betula alba L.

Nome común en galego

Bidueiro, bídalo, bido, bidueira, biduo ou bedolo

Nome común en castelán

Abedul blanco

Información

Características

Un pequeno grupo de bidueiros ocupa un lateral dos camiños, xunto ao noiro no desnivel cara a rúa de Touro. Na outra beira do camiño hai unha aliñación de pradairos americanos.

Orixe e distribución

O bidueiro é orixinario da zona Eurosiberiana. Aparece en formacións mixtas ou na orla superior doutros bosques como faiais ou carballeiras de cerquiños (Quercus pyrenaica). É unha árbore moi colonizadora, que sobre chans silíceos, pode dar lugar a formacións monoespecíficas (bidueirais).

Medra especialmente na Cordilleira Cantábrica, dende o nivel do mar até os 1.700 metros, en pendentes moi variables. Favorécenlle os chans húmidos ou encharcados, as precipitacións outonais e as temperaturas moderadas, mais a súa capacidade de adaptación a condicións climáticas severas fan que a súa área de distribución sexa moito máis ampla.

Descrición

Árbore caducifolia de porte medio, alcanzando até os 25 metros de alto, coa copa irregular de porte cónico-piramidal. Ten unha característica cortiza branca-grisácea, que a diferenza das placas que se forman noutros bidueiros. A desta especie é lisa, con bandas horizontais escuras. A súa cor clara é unha adaptación para poder reflectir unha elevada cantidade de radiacións solares, podendo medrar en lugares expostos ao sol de maneira intensa e prolongada.

As súas follas teñen forma romboidal, co bordo dobremente serrado e de cor verde máis intensa pola face que polo envés. As flores fórmanse ao principio do inverno e ábrense antes de que saian as follas. Os seus pequenos froitos son aquenios con forma de noz, están alados para poder diseminarse cos ventos outonais (anemocoria).

Etimoloxía

O seu nome procede do latín betulla que á súa vez procedería da palabra betu, que era como os celtas designaban ao bidueiro. O epíteto específico latino alba fai referencia á cor branca da súa cortiza.

As follas, os brotes e ramiñas novas son peludas, polo que actualmente algúns autores volven a utilizar a denominación antiga de Betula pubescens, xa que en botánica, pubescente refírese a calquera órgano vexetal ou conxunto que presenta a súa superficie cuberta por pelos finos e suaves.

Usos

Ten un gran valor paisaxístico, mais cultívase pouco como ornamental pola cantidade de auga que requiren. Cando a árbore está sen follas no inverno, a beleza da súa cortiza destaca aínda máis. Os bidueiros pódense plantar como exemplares illados, formando grupos ou en sebes cortaventos. O seu rápido crecemento (ata un metro a partir do primeiro ano) é un punto a favor para a súa utilización.

Esta árbore, imaxe tradicional dos grandes bosques de Escandinavia e Rusia, é unha fonte de riqueza. As follas, de sabor amargo e cheiro peculiar, as xemas, e o aceite ou brea que se extrae da cortiza, posúen numerosas utilidades e propiedades medicinais. A súa madeira utilizouse para a fabricación de pasta de papel, carpintería, tonelería, tornería e carbón.

Ante a falta de pergamiño, as finas láminas obtidas da cortiza do bidueiro usáronse antigamente como material para escribir. Deste xeito, conserváronse até hoxe, mostras moi temperás de escritura en alfabeto cirílico.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)