
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Betula pendula Roth.
Nome común en galego
Bidueiro péndulo, bidueiro de pólas colgantes, bido, biduo ou bedolo
Nome común en castelán
Abedul llorón
Características
Este bidueiro de pólas colgantes está situado a carón do Cruceiro do Gaio, no pequeno xardín situado tras a rúa do Pombal.
Orixe e distribución
Cando os xeos retrocederon tras as últimas glaciacións, o bidueiro foi a primeira árbore en instalarse nas novas terras encharcadas, situándose na primeira liña do bosque fronte ás paisaxes xeadas, xa que é capaz de colonizar terreos onde ningunha outra árbore podería sobrevivir.
É unha especie rústica que vive sobre chans ácidos, húmidos e fértiles, sobre todo preto dos cursos dos ríos e nos claros dos bosques, xa que precisa bastante luz e soporta ben as baixas temperaturas. Ten gran capacidade para vivir en lugares degradados que contribúe a rexenerar, posibilitando o crecemento doutras árbores na súa contorna.
Descrición
Árbore caducifolia de crecemento rápido e porte medio. Pode alcanzar os 30 metros de altura e medra con rapidez nos primeiros anos. Esta especie de bidueiro ten un característico porte chorón que o distingue de outros exemplares como a Betula pubescens.
Ten o tronco delgado e a cortiza de cor branca con estrías escuras horizontais, das que se desprenden tiras finas. O branco da súa cortiza constitúe un escudo protector que reflexa o exceso de radiación solar que podería danalo, unha importante adaptación evolutiva a lugares expostos ao sol de maneira intensa e prolongada.
Ten as follas romboidais de cor verde coa marxe irregularmente dentada e pecíolo longo, adquirindo en outono unha fermosa tonalidade dourada. As flores agrúpanse en amentos cilíndricos, os femininos liberarán os minúsculos froitos planos dotados de dúas ás laterais para desprazarse co vento outonal.
Etimoloxía
Crese que o seu nome procede do latín betulla, que á súa vez procedería da palabra betu, que era como os celtas designaban ao bidueiro. Outras teorías son que deriva do sánscrito bhurga (árbore en cuxa cortiza se escribe), xa que antes da aparición do papel, a cortiza do bidueiro usábase para escribir sobre ela. Tamén hai quen pensa que procede de batuere, bater, polo uso que daban os pastores ás vergas que construían coas súas pólas.
O epíteto específico pendula ven do latín pendulus, en alusión aos seus froitos colgantes e polo seu porte chorón.
Usos
O bidueiro é unha árbore dunha utilidade extraordinaria ao longo da historia. Coa cortiza interna, fina e transparente, elaborábase o pergamiño que en latín recibía o nome de librum, raíz da que deriva o termo libro. Co seu zume fermentado elabórase cervexa ou viño de bidueiro, moi apreciada no norte de Europa.
A súa cortiza contén un composto químico moi resistente á auga chamado betulina, polo que empregouse tradicionalmente polos pobos europeos para a fabricación de canoas indias, recubrimento de tellados, canalizacións de auga, cordas e cestos. En Asturias utilízase para confeccionar madreñas (zocas). Pola súa riqueza en taninos, usábase no curtido de peles en Rusia.
A cortiza emprégase tamén para a produción de pomadas para as enfermidades da pel, mentres que coas follas elabóranse infusións diuréticas. Sen embargo, aínda que a madeira é abundante e trabállase con facilidade, é moi vulnerable ao ataque dos insectos e fungos, polo que é moito menos empregada.