Parroquia
Santa Cristina de Fecha
Historia
Existe unha crecente preocupación sobre o impacto das nosas accións sobre a contorna e os seus recursos naturais, esencial como base para resolver os problemas ambientais.
O Concello de Santiago considera fundamental, hoxe máis que nunca, desenvolver e promover estratexias para tratar de minimizar estas accións que desequilibran e desestabilizan o planeta. Nese sentido, as árbores son un bo recurso, pois axudan a mitigar moitos problemas ambientais. O seu valor é incalculable: producen osíxeno, purifican o aire, forman chans fértiles, axudan a evitar a erosión e reducen a temperatura ambiental entre outras moitas cousas. Ademais, son o centro dos ecosistemas e a diversidade biolóxica.
O termo municipal de Santiago inclúe unha importante masa arbórea, sendo crucial a súa conservación e mantemento, así como tamén incrementar o número de novos exemplares, e ademais, facelo con variedades de frondosas.
Descrición
No Monte de Pedra Castro de Lamela, parroquia de Santa Crisitina de Fecha, plantáronse 4.200 árbores, no marco da campaña 1 voto, 1 árbore.
As especies plantadas foron: 700 pés de bidueiro (Betula celtibérica), 2.100 de carballo (Quercus robur) e 1.400 de sobreira (Quercus suber).
O proxecto do Parque Forestal de Pedra Castro pretende recuperar para as futuras xeracións un espazo de gran valor, repoboando a masa forestal, e permitindo a protección e restauración do medio natural en harmonía coa contorna. Ademais de conservar ecosistemas, protexer a fauna e a flora, regular o réxime hídrico e protexer e conservar o solo, o Parque Forestal de Pedra Castro será tamén un espazo para o lecer. Para isto, abríronse accesos peonís, que ademais de facilitar os futuros traballos de mantemento, permitirán que este espazo sexa accesible e que se poida visitar facendo percorridos polo seu interior dun xeito doado para o público en xeral.
A campaña 1 voto, 1 árbore, impulsada polo Concello de Santiago, consiste na plantación dunha árbore por cada voto recibido polo Carballo do Bosque do Banquete Conxo na súa carreira por facerse co título de Árbore Europea do ano 2022. Unha vez finalizada esta campaña no ano 2030, plantaranse 100.000 novas árbores autóctona.
O Carballo do Banquete de Conxo é un carballo centenario, declarada árbore do ano de España no 2022 e segunda clasificada no certame da Árbore Europea, mais converteuse na árbore máis querida e recoñecida de Santiago.