
Zona verde
Parque Fluvial das Brañas de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico da especie dominante
Alnus glutinosa (L.) Gaertn.
Nome común en galego
Ameneiro, amieira ou amieiro
Nome común en castelán
Aliso, humero, vinagrera, umero o alno
Historia
As investigacións permitiron determinar que as zonas de ribeira son instrumentais na mellora da calidade da auga porque posúen unha alta capacidade de remoción do nitróxeno que se verte aos ríos, polo tanto xogan un importante rol na xestión do impacto das actividades agrícolas nestes hábitats.
Os bosques de ribeira son unha boa representación do bosque autóctono que pode ser atopado seguindo os cursos de auga de toda Galicia. Ademais do seu interese de conservación, estes bosques teñen unha importancia vital en moitos outros aspectos:
- Imprescindibles para conter a erosión dos solos das marxes das correntes.
- Creación dun microclima húmido con temperaturas amortecidas moi favorable para o desenvolvemento de moitas especies e a agricultura da zona.
- Funcionan como corredores de unión entre bosques que facilitan que estes últimos non funcionen como unidades illadas, senón que exista un nexo de unión entre estes e o refuxio de numerosas especies.
- Fonte de recursos económicos pola recollida de froitos e especies para madeira.
- Os lugares de desova da ictiofauna constrúense ao abeiro de raíces e talos mergullados beneficiándose tamén da sombra proporcionada ao río.
Descrición
O río Sar, ao seu paso polas Brañas de Sar, aparece flanqueado polo bosque de ribeira e a vexetación riparia (do latín ripa, que significa ribeira dun río). A distribución deste bosque de ribeira ocupa principalmente o corredor fluvial e algunha zona relacionada coas canles de auga para regadío ou para o fornecemento dos muíños. A súa extensión acada uns 28.000 metros cadrados e un 7,74 % da totalidade das Brañas de Sar.
A composición arbórea deste bosque está formada principalmente por ameneiro (Alnus glutinosa), acompañado doutras árbores como son o freixo (Fraxinus angustifolia), o salgueiro (Salix sp.), o bidueiros (Betula alba), o carballo (Quercus robur), o castiñeiro (Castanea sativa), o lamigueiro (Populus tremula) ou o olmo (Ulmus glabra).
As especies arbustivas e herbáceas que podemos atopar son o loureiro (Laurus nobilis), o sabugueiro (Sambucus nigra), o espiño (Crataegus monogyna), o freixo (Fraxinus excelsior), o sanguiño (Frangula alnus), o espiño albar (Crataegus monogyna), a pereira brava (Pyrus cordata), a árbore da serpe, a fuseira ou bonete de crego (Euonymus europaeus), o chuchamel ou madreselva (Lonicera peryclimenum), a herba das almorrás (Ranunculus ficaria), a hedra silvestre (Hedera helix), a herba dos bolos (Glechoma hederacea), o pé de boi ou nabo do demo (Oenanthe croccata), o senecio (Senecio nemorensis), a valeriana (Valeriana pyrenaica), a papoula silvestre (Anemone nemorosa) ou a lingua de boi (Pentaglottis sempervirens).