mainimg
Código: BR016
-
Masas Arboradas
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Identificación

Nome científico da especie dominante

Alnus glutinosa (L.) Gaertn.

Nome común en galego

Ameneiro, amieiro ou abeneiro

Nome común en castelán

Aliso o alno

Información

Descrición

Xunto ao curso de auga do río Sar destaca unha longa banda de vexetación característica, chamada bosque de ribeira, vexetación riparia ou ripisilva, que medra grazas ás condicións asociadas a un nivel freático máis alto que nos terreos adxacentes.

O bosque de ribeira, ademais de ser un compoñente integral das terras enchoupadas da beira dos ríos, ten unha gran importancia ecolóxica. Por un lado, o bosque caducifolio que coloniza a ribeira proporciona sombra nos meses de verán que equilibra a temperatura da auga manténdoa ben osixenada. Ademais, estas plantas teñen unha gran capacidade de soportar as flutuacións anuais de auga, con frecuentes inundacións e grandes aportes de materia orgánica e nutrientes minerais por parte dos sedimentos do río. As raíces sosteñen o terreo fronte ás enchentes, limitan a erosión das marxes e absorben elementos contaminantes das súas augas depurándoas.

Nestes corredores boscosos do río Sar o ameneiro (Alnus glutinosa) é a árbore dominante, acompañado por salgueiros (Salix sp.), loureiros (Laurus nobilis) e sabugueiros (Sambucus nigra), cubertos por plantas gabeadoras e especies umbrófilas, organizadas horizontalmente dunha forma moi clara, segundo a súa necesidade de auga e a capacidade de soportar o asolagamento das marxes do río no inverno. Atoparemos diferentes niveis que podemos ordenar segundo á proximidade ao curso de auga do río Sar:

- Plantas que viven asolagadas total ou parcialmente durante todo o ano, onde a corrente circula de vagariño: herba limeña (Callitriche stagnalis), ouca (Ranunculus peltatus), espigas de auga (Potamogeton sp.), pé de boi (Oenante croccata) e musgo acuático (Fontinalis antipyretica). As árbores máis comúns son os ameneiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix sp.).

- Mesturadas coas anteriores, mais algo elevados sobre o nivel do curso de auga temos freixos (Fraxinus sp.), bidueiros (Betula sp.) e sabugueiros (Sambucus nigra). Baixo estas árbores medran fieitos, silvas e gran abundancia de herbas nitrófilas como a estruga (Urtica dioica).

- Máis afastadas quedan algunhas zonas onde están as especies menos dependentes da auga, sobre todo carballos (Quercus robur), freixos (Fraxinus sp.) e algunha abeleira (Corylus avellana).

- Os terreos de cultivo foron gañando terreo ao bosque de ribeira para aproveitarse da fertilidade do chan. Leiras de millo e patacas, pequenas hortas e zonas de pasto ocupan este espazo.

Estes ecosistemas caracterizados pola súa gran diversidade ofrecen hábitats para numerosas especies animais, especialmente aves que nidifican nas árbores altas, e constitúen importantes corredores ecolóxicos para numerosos organismos ao conectar zonas afastadas entre si.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)