
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico da especie dominante
Alnus glutinosa (L.) Gaertn.
Nome común en galego
Ameneiro, amieira ou amieiro
Nome común en castelán
Aliso, humero, vinagrera, umero o alno
Historia
A maior parte dos ríos do mundo relativamente ben conservados teñen as súas marxes cubertas por bosque ou outro tipo de vexetación, que aí atopan condicións axeitadas para o seu desenvolvemento, asociadas ao alto nivel freático do terreo.
Chámase ripisilva ao conxunto de ribeira, souto e vexa que ocupa a canle dun curso de auga no período de estiaxe. Ao longo do tempo prodúcense variacións do nivel das augas do río, producíndose riadas ou avenidas que afectan á vexetación, á fauna e aos chans destes espazos, así como secas e estiaxes que afectan ás formas de vida da ripisilva, sempre asociadas e condicionadas á presenza da auga.
A ecoloxía do bosque de ribeira é distinta da do medio xeral circundante que o curso de auga atravesa. As súas diferenzas principais son:
- Clima: temperaturas máis suaves, máis baixas no verán por mor da intensa sombra e a elevada evapotranspiración, e máis elevadas no inverno a causa do efecto da auga. A humidade ambiental tamén é máis alta.
- Solos: son tipicamente aluviais, de gran heteroxeneidade, nos que destaca a abundancia de elementos finos e de materia orgánica nos tramos de augas lentas, que permiten unha maior decantación dos arrastres.
- Fauna: a presenza da auga e de especies arbóreas e arbustivas atraen especialmente ás aves para nidificar, animais acuáticos, insectos e pequenos mamíferos.
- Vexetación: en toda a faixa atlántica a árbore raíña destes bosques de ribeira é o ameneiro (Alnus glutunosa), en contraposición coa zona de clima mediterráneo onde destacan os lamigueiros (Populus sp.).
Estes bosques, ademais de ser un compoñente integral dos ríos, teñen gran importancia ecolóxica e prestan numerosos servizos ecosistémicos, xa que proporcionan sombra para regular a temperatura da auga e mantela ben osixenada, proporcionan materia orgánica para os recursos alimentarios dos organismos lóticos e limitan a erosión das marxes do río incidindo na forma da súa canle.
Algúns bosques de ribeira atópanse entre os ecosistemas máis diversos do mundo, como a várzea amazónica. Conectan zonas espacialmente moi afastadas, polo que constitúen importantes corredores ecolóxicos para numerosos seres vivos.
As investigacións permitiron determinar que as zonas de ribeira son instrumentais na mellora da calidade da auga porque posúen unha alta capacidade de remoción do nitróxeno que se verte aos ríos, polo tanto xogan un importante rol na xestión do impacto das actividades agrícolas nestes hábitats. Os bosques de ribeira son unha boa representación do bosque autóctono que pode ser atopado seguindo os cursos de auga de toda Galicia.
Descrición
A carón do río Sar atópase un espazo de grande importancia debido á súa biodiversidade. Esta área do Parque Eugenio Granell está caracterizada polo curso da auga, que aparece flanqueado polo bosque de ribeira e a vexetación riparia (do latín ripa, que significa ribeira dun río). A vexetación forma, polo tanto, unha pequena masa vexetal caracterizada pola súa vinculación á ribeira dun río, xa que este cubre as necesidades de auga das especies que o compoñen.
Este bosque de galería destaca, como ven sendo habitual neste tipo de vexetacións, pola frondosidade das especies caducifolias que o compoñen, e identifícase claramente na paisaxe por cinguirse ao curso do río, formando un corredor distinto do resto da flora existente no parque.
A composición arbórea deste bosque está formada principalmente por as seguintes especies arbóreas: ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros bravos (Salix atrocinerea), vimieiros (Salix viminalis), sabugueiros (Sambucus nigra), freixas (Fraxinus angustifolia), freixos (Fraxinus excelsior) e freixos americanos (Fraxinus pennsylvanica).