
Zona verde
Río Sar: treito Ponte Suarribas-Ponte da Fervenza
Parroquia
Conxo
Nome científico da especie dominante
Quercus robur L.
Nome común en galego
Carballo
Nome común en castelán
Roble
Historia
Galicia, en 1852 e 1855, verase afectada por graves crises económicas. A comarca santiaguesa será especialmente afectada en 1853, o que dará lugar ao que se coñece como o ano da fame. Nese ano, as inclemencias meteorolóxicas provocan a perda da maior parte das colleitas e unha gran carestía do gran, así como o peche de importantes casas comerciais. Por este motivo prodúcense graves alborotos, altercados e motíns que levan ás autoridades a declarar o estado de sitio.
Estando moi recentes os sucesos desta crise, movementos liberais da cidade convocan o Banquete de Conxo. Trátase dunha reunión histórica de confraternidade entre diversas clases sociais da época (estudantes, artesáns, obreiros…), que baixo a lenda “Orden y fraternidad”, tivo lugar o 2 de marzo de 1856, coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral (a sublevación de militares galegos contra o ditador Narváez, que acabou co fusilamento de todos eles). O anuncio do banquete causou arrepío entre as clases máis poderosas da cidade de Compostela.
Xorde por iniciativa de Aurelio Aguirre, e é considerado un dos acontecementos fundacionais do galeguismo. Asistiron ao acto un patrón e dous obreiros de cada oficio, convidados polos estudantes da Universidade de Santiago. Vestidos de frac, os estudantes, que eran considerados como clase alta, servíronlle o banquete aos obreiros, acto este que foi tomado como unha provocación polas autoridades. Isto trouxo a toma da Carballeira de Conxo polo exército, polo que o xantar celebrouse rodeados de soldados, pois temíase unha insurrección.
Entre os convidados máis destacados que asistiron á xuntanza estarían Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal e Luís Rodríguez Seoane, mais ademais pénsase, aínda que non se sabe con certeza, que tamén acudiron a esta reunión, entre outros, Manuel Murguía, Paz Novoa, e mesmo a propia Rosalía de Castro.
Por este e outros brindes pronunciados nesta xuntanza, tanto Aurelio Aguirre, como Eduardo Pondal foron procesados pola Audiencia da Coruña que pretendía deportalos ás Illas Marianas no océano Pacífico, aínda que finalmente, e grazas aos informes do fiscal de Santiago, non foron deportados. A Igrexa tamén mostrou o seu enfado, pois consideraban estes discursos faltos de moralidade e relixiosidade, sendo Aurelio Aguirre acusado de ateo, unha grave acusación para a época. O acto transcendeu á prensa da época, como “La Oliva” de Vigo, o que amosa que tivo unha gran repercusión en toda Galicia.
Descrición
O bosque e o río que fascinaron a Rosalía de Castro. O histórico mosteiro que visitou García Lorca en 1916. O souto que versou, na bruma do século XIII, o trobador Joam Airas. A devoción dos peregrinos pola Virxe da Cuncha... Todos estes feitos figuran concentrados nun espazo concreto ao sur de Compostela: a esquecida Carballeira do Banquete de Conxo. Nela, un domingo 2 de marzo de 1856, viviríase un feito insólito: a celebración dun banquete democrático onde brindaron xuntos, pola liberdade e a fraternidade, estudantes e obreiros. De aquí xurdirá a xeración que logo vai promover o Rexurdimento da cultura galega.
Nestes terreos, nas marxes do río Sar, resiste unha fraga onde se erguen, posiblemente, os últimos carballos centenarios do Banquete de Conxo, testemuñas vivas de acontecementos únicos na historia de Galicia.