Código: EN009
-
Espazos Singulares
Localización

Parroquia

San Lázaro

Información

Historia

A palabra braña aparece como topónimo en multitude de lugares da xeografía galega debido á abundancia deste tipo de terreos, que poden ser prados ou monte baixo, e estando caracterizados pola elevada humidade. Estes espazos reciben tamén o nome de brañal, brañeira, lameiro, tremedal, tremedeira, tremesiña, tremo ou trollo.

As zonas húmidas son uns dos ecosistemas máis complexos, fráxiles e produtivos do planeta. Proporcionan importantes servizos ecolóxicos como o almacenamento de auga, control de inundacións, mitigación da erosión, purificación das augas mediante a retención de nutrientes, sedimentos e contaminantes, e estabilización das condicións climáticas locais, particularmente a precipitación e a temperatura. Os lugares onde aparecen as brañas adoitan ser zonas de depresión, dotadas de solos impermeables que forman unha pequena lagoa de pouco fondo. O clima chuvioso, unido á presenza impermeabilizante das arxilas do chan, reteñen a auga formando a zona húmida.

As brañas son zonas hiperhúmidas poboadas por vexetación higroturbosa, característica que conforma o ecosistema brañego. Soen dispoñerse seguindo unha sucesión característica, determinado polo grao de humidade do terreo:

- Nos solos máis secos aparecen toxos (Ulex sp.) e uces (Erica sp.), acompañados de salgueiros (Salix sp.) e diversas especies de pradería.

- Nos prados hidrófilos atopamos senecios (Senecio aquaticus) e molinias (Molinia caerulea). A miúdo estes prados proceden de cultivos de herbáceas sementados que evolucionan para xuncais (Juncus effusus), nas depresións dos terreos máis húmidos. Nas zonas máis húmidas, as especies características son o lirio amarelo ou espadana (Iris pseudacorus), os buños ou carrizos (Carex paniculata subsp. lusitanica) e a salicaria (Lythrum salicaria).

- Nas zonas encharcadas e con augas estancadas soen medrar os esfagnos (Sphagnum sp.), uns brións de crecemento continuo que ao ter a súa base asolagada, descomponse debido á falta de osíxeno, dando lugar á formación do carbón chamado turba. Aparecen tamén formacións de xuncas (Cyperus longus), herbas de ouro (Ranunculus repens) e espigas de auga (Potamogeton natans). As condicións de acidez do solo e a pobreza en nitróxeno dan lugar ao crecemento de plantas insectívoras como as dróseras (Drosera rotundifolia).

Mais non só habitan as plantas nestes espazos, senón que aquí están reunidos a maioría de grupos animais (invertebrados, peixes, réptiles, anfibios, aves e mamíferos), moitos deles especialmente adaptados ás características deste tipo de ecosistemas. En ocasións constitúen ambientes moi ameazados, con presenza de especies animais e vexetais endémicas, protexidas ou en perigo de extinción.

Nas brañas abondan as ratas de auga ou lurias (Arvícola sapidus), sobre todo nas xunqueiras, onde cavan túneles entre a vexetación e no solo. Entre as aves destacan as becacinas (Gallinago gallinago), que levantan o voo preto dos nosos pés cando camiñamos pola braña e voan describindo un zigzag case tolo e moi característico. Ao ser unha zona húmida abundan os anfibios como a ra común (Rana sp.), que viven todo o ano nas brañas facéndose máis presente a súa presenza na época de reprodución. Tamén é doado ver nas augas quedas aos limpafontes (Triturus sp.).

Unha braña fórmase como consecuencia da sucesión ecolóxica que ten lugar nun terreo. Comezaría pola existencia dunha lagoa que, ao irse colmando e sedimentando, vaise transformando en gándara, posteriormente en braña nunha fase máis avanzada de desecamento, para finalmente dar lugar a unha zona totalmente deseca con vexetación de monte.

Gándaras e brañas son un tipo de lugares que tradicionalmente soen estar ameazados pola domesticación humana, que ao non poder sacarlles ningún rendemento económico, téntase desecar o ecosistema, para convertelo nunha área de pradería ou un terreo de cultivo, reducindo a riqueza ecolóxica da súa variedade de especies de flora e fauna específicas destes hábitats.

Nas últimas décadas a importancia e valoración social das zonas húmidas experimentou un gran cambio. Pasaron de ser áreas improdutivas e insás, a constituír elementos chave na conservación da biodiversidade e do uso sostible do territorio.

O 2 de febreiro celébrase o Día Mundial das Zonas Húmidas, xa que nesa data de 1971, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza formulou unha listaxe de zonas húmidas de protección recomendada na súa primeira convención, coñecida como Convenio Ramsar, pola cidade iraniana na que levou a cabo. Este convenio é o tratado internacional máis importante en materia de conservación de zonas húmidas, ratificado por 160 países, e que protexe 1.953 zonas húmidas de todo o planeta.

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)