mainimg
Código: BS006
-
Espazos Singulares
Localización

Zona verde

Parque Fluvial das Brañas de Sar

Barrio

Sar

Parroquia

San Fructuoso

Información

Historia

As brañas en Galicia son zonas parcialmente anegadas, situadas ás beiras dun río, que están verdes todo o ano e nas que antigamente pacía o gando das pequenas explotacións agrarias galegas. Trátase dun ecosistema fráxil e cunha función moi importante na regulación da auga porque a reteñen cando chove moito e evitan que vaia de golpe aos ríos producindo inundacións. Teñen un notable interese ecolóxico xa que a auga que as satura contribúe a manter o nivel freático máis alto do que debese estar en determinadas épocas do ano, facendo a función de verdadeiras esponxas que escoan as súas augas moi lentamente.

Descrición

O clima temperado subhúmido de Compostela pódese dicir que resulta aínda máis extremado nas Brañas de Sar, que reciben ese nome por seren terreos de drenaxe deficiente, onde o risco máis relevante é o de inundación.

Nas Brañas de Sar, os prados son un complemento do labradío, que se mantén en torno ás casas e nas zonas elevadas. Trátase dunha paisaxe construída en relación á xestión da auga. Abundan os pastos naturais, precisamente por situarse a carón do río Sar, o que posibilitou o mantemento dunha cabana gandeira. Este espazo de pasto, con frecuencia asolagado, reflíctese na microtoponimia da zona, onde a referencia á auga é constante, así como en fitotopónimos, que fan referencia a especies vexetais para a obtención do pasto.

O subsolo está constituído por dúas unidades fundamentais, o substrato rochoso con predominio de xistos e a cobertura superficial composta por solos de orixe aluvial de textura principalmente areo-limosa. Dende o punto de vista hidroxeolóxico, as brañas entendidas como terreos de drenaxe deficiente están amplamente estendidas na zona, coincidindo en superficie con zonas encharcadas formadas sobre solos preferentemente de orixe aluvial. Sitúanse, polo tanto, dentro do dominio de solos aluviais e a súa formación está relacionada coa acumulación en zonas deprimidas de minerais micáceos e arxilas. A textura destes materiais fai que se forme unha capa practicamente impermeable que tapiza as cavidades. Posteriormente, sobre esta capa desenvólvese un chan que permanece unha gran parte do ano saturado de auga, debido á lentísima velocidade de infiltración desta, derivada da baixa permeabilidade que presenta o terreo.

En canto á vexetación destes nos prados hidrófilos atopamos senecios (Senecio aquaticus) e molinias (Molinia caerulea). A miúdo estes prados proceden de cultivos de herbáceas sementados que evolucionan para xuncais (Juncus effusus), nas depresións dos terreos máis húmidos. Nas zonas máis húmidas, as especies características son o lirio amarelo ou espadana (Iris pseudacorus), os buños ou carrizos (Carex paniculata subsp. lusitanica) e a salicaria (Lythrum salicaria). En zonas encharcadas e con augas estancadas xorde un esbozo de vexetación lacustre ou de zona húmida. Trátase, sen dúbida, do máis valioso das brañas.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)