
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Calzada
Historia
Fontes citadas por López Alsina no 1988, documentan a chegada do viño por esta vía xa no século XII. Na Idade Media, os camiños de acceso á cidade de Santiago podían ser lugares perigosos para o tránsito, sobre todo en inverno debido ás chuvias e ás enchentes que formaban lameiras que dificultaban o paso ás persoas e ás bestas. Diversas testemuñas falan nun informe de mediados do século XVI de ver como os carros quedaban empantanados e as bestas metíanse ...asta la barriga, téndose que descargar con gran perigo. Este informe pon de relevo os grandes danos que a situación dos camiños producía á cidade, moradores, peregrinos e xentes que acudían aos mercados. Entre os camiños que se citan como perigosos está o que pasaba preto de Sar. Para atallar o problema, o informe citado aconsellaba canalizar as augas e facer calzadas de pedra.
A Calzada de Sar, que é un elemento singular no patrimonio histórico de Santiago, formaba parte do antigo Camiño Real de Castela, sendo o treito común de dous camiños medievais que comunicaban as Terras do Ulla, Ourense e Castela. Desta antiga vía medieval só se conserva un tramo duns 350 metros de longo por uns 4 metros de ancho que vai dende Picaños até a rúa do Cruceiro de Sar, sendo o pavimento que hoxe atopamos do século XVIII. Coincide coa época na que se promulga o Real Decreto do 10 de xuño de 1761, asinado por Carlos III, que supón o primeiro plan xeral de camiños de España, camiños reais que se pretendía foran rectos e sólidos para facilitar o comercio entre diferentes zonas.
Consérvase, preto do Cruceiro de Sar en dirección a Angrois, o topónimo Camiño Real de Angrois que vén indicar que a calzada continuaba nesa dirección para enlazar coa actual estrada de Ourense camiño tamén de Castela. A rede de camiños reais promovida polo decreto de 1761 foi usada até os anos 60 do século XX.
No 2010, o Consorcio de Santiago levou a cabo a restauración integral da calzada, na que entre outras actuacións, créase un espazo de circulación exclusivo para peóns.
Descrición
O deseño orixinal da Calzada de Sar está feito en sección curva para conducir a auga cara os canais laterais de evacuación de pluviais. O material empregado na súa construción son lousas de xisto de cor negra. A calzada conta cunha fiada central en forma de espiña de peixe que actúa como unha dorsal, dispoñéndose o resto do empedrado a ambos os lados formando cuarteiróns. Nas beiras ten grandes lousas doutra variedade de xisto, con acanaladuras nalgúns treitos para recoller e dirixir as augas. Tamén presenta dous rebaixes a xeito de canle que a atravesan para evacuar a auga procedente da fonte que se conserva no tramo medio e das ladeiras do Gaiás, monte que a calzada circunda pola súa cara suroeste. As pedras presentan un pulido por desgaste e nalgún punto aprécianse as rodeiras dos carros que durante séculos a transitaron.
A Vía da Prata percorre a Calzada de Sar, aínda que tivo un papel secundario dentro das peregrinacións a Compostela, motivo que xustifica a súa ausencia dos repertorios até que no século XVIII apareza recollido no itinerario de Escribano como un camiño de ferradura que se corresponde co Camiño Real de Ourense a Santiago de Compostela.