Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Camellia japonica L.
Nome común en galego
Camelia, camelio, rosa do Xapón, rosa da China ou roseira de inverno
Nome común en castelán
Camelia, camelio o camelia de Japón
Características
Unha parella de camelias preside o Xardín dos Frades, destacando polo seu porte e beleza. Este exemplar, próximo á parte baixa do parque e ao acceso dende os museos, está rodeado por un sebe de pitósporos e ten unha fermosa floración rosa.
Orixe e distribución
A orixe da camelia é moi antiga, pois atopáronse fósiles do período Cretácico en China. É nativa de Xapón, Corea e China, mais na actualidade está distribuída por todo o mundo como planta ornamental. Na China, durante a Dinastía Ming (1368-1344), as camelias foron consideradas como a flor máis fermosa que hai baixo os ceos.
Foron traídas a Europa dende Oriente a través da Ruta da Seda polos misioneiros xesuítas e por comerciantes portugueses, ingleses e holandeses a finais do século XVI. Na Península Ibérica coñécense a partir do século XVIII, destacando a súa presenza en Portugal, dende onde chegou a Galicia.
Descrición
A camelia é unha das flores do inverno máis prezadas e singulares. O xénero está formado por máis de duascentas especies, entre as que atopamos a Camellia japonica, da que proceden a maioría das variedades de xardín. Son árbores ou arbustos con follas perennes, opostas e lustrosas, que se desenvolven moi ben en climas temperados e húmidos, sobre solos ácidos e con abundante materia orgánica.
As súas múltiples variedades cobren un dilatado período de floración, que abarca dende outono até finais de primavera. As flores son terminais, solitarias ou en parellas, e a súa cor varía entre o branco e vermello.
Etimoloxía
O nome camellia foi establecido polo botánico sueco Carlos Linneo, en recoñecemento polo traballo botánico realizado en Filipinas polo misioneiro xesuíta do século XVII George Joseph Kamel, coñecido tamén coñecido como Camellus.
Do apelido deste misioneiro moravo procede tamén o nome común desta planta e da súa flor, xa que ambas comparten o mesmo nome. O epíteto específico japonica refírese á súa localización en Xapón, aínda que o lugar onde os europeos descobren a camelia foi nas Illas Filipinas.
Usos
A pesares de estar lonxe do seu lugar de orixe, a camelia é moi común nos xardíns de Galicia como especie ornamental, e ten varios exemplares no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A súa flor coñécese como flor das Rías Baixas ou dos pazos, pola súa presenza nos mesmos dende hai séculos. É a flor oficial do estado de Alabama, nos Estados Unidos; mentres que na cidade de Bulnes, na zona central de Chile, é coñecida como a cidade das camelias. Isto ilustra a súa ampla distribución e o prezada que é pola súa beleza.
Hai moitas citas sobre a camelia en escritores como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Emilia Pardo Bazán, Federico García Lorca ou Álvaro Cunqueiro. Das múltiples variedades, só preto de cincuenta desprenden algún tipo de fragrancia. Na novela A Dama das Camelias de Alexandre Dumas, a heroína Margarida, alérxica ás fortes esencias das flores, usaba un ramo de camelias para evitar a tose.
Crese que hai máis de 3.000 variedades debido á facilidade que teñen de hibridación entre elas. En Galicia podemos atopar varios centos, xa que na zona noroeste da Península Ibérica danse unhas condicións edafoclimáticas excelentes para o seu crecemento.