
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Historia
Esta terraza alberga os restos dun edificio ruinoso formado por un recinto rectangular no que destaca unha fachada principal composta de seis arcos de medio punto. Dous destes arcos atópanse cegados por medio dun peche de pedra no que se abre unha pequena fiestra en cada un deles, e outro arco está parcialmente ocupado cun tímpano de pedra que pecha o vano até a altura dos capiteis e no que se abre un vano circular e, na parte dos fustes, bloquéase parcialmente formando unha porta de acceso rectangular.
Aínda que non coñecemos con seguridade o seu uso, pode que nos tempos da ocupación do convento polos frades dominicos servise como un pequeno oratorio, xa que a súa fábrica é demasiado coidada para ser un simple alpendre ou outra dependencia destinada ás tarefas agropecuarias desta zona de hortas, como o que podemos atopar preto da fonte de San Domingos.
Esta construción tiña unha cuberta a dúas augas, da que xa so se conserva a súa viga central de madeira, que atravesa o lado máis longo do edificio. A actual apertura ao ceo permite o crecemento vizoso dunha glicinia (Wisteria sinensis), que trepa nunha esquina da edificación e que se apoia nesta viga remanente da estrutura do tellado.
Ademais, nas pedras do lousado do chan podemos atopar unha serie de números marcando as diferentes pezas de pedra que o compoñen. Estas marcas serven para identificar a posición das lousas.
Descrición
O espazo está formado por una terraza alongada formada para salvar o desnivel do terreo, entre a área da carballeira e da horta no antigo convento. Esta pendente está superada principalmente por un noiro vexetal na parte superior, en conexión coa carballeira, e por un gran muro de contención de xisto na parte inferior, no que se sitúa unha empinada rampla que servía para o paso de carruaxes e carros de labranza na época anterior á desamortización do convento.
Na terraza destaca a presenza do edificio dos arcos, construción pegada ao muro de peche pola banda da rúa da Caramoniña, e a Fonte dos Arcos, formada por unha pía cuadrangular de xisto que desaloxa a auga a través dunha canalización que atravesa o céspede da terraza. E ao outro lado do Campo, servindo como contrapeso visual ao edificio dos arcos podemos contemplar un fermoso exemplar de pradairo (Acer pseudoplatanus) que protagoniza o lado meridional da pradaría.
Na parte superior da rampla que cubre o desnivel coas hortas, as pranchas de granito serven de varanda ademais de como asentos, que xunto cos bancos de pedra situados baixo os carballos (Quercus robur) situados entre o edificio dos arcos e a fonte, converten este espazo nunha área estancial na que descansar á sombra das árbores e recrearse na tranquila contemplación da natureza do parque.