
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Historia
Os Campos Novos ocupan parte dos terreos que circundaban o convento de San Domingos de Bonaval. En tempos máis recentes, aquí estaba situado o antigo cemiterio de terra, onde os corpos inhumábanse no chan en lugar de en nichos como na zona próxima ao acceso desde a rúa de Bonaval.
Esta zona de enterramentos do Cemiterio Xeral xurdiu debido á necesidade de ampliación espazo para enterramentos, que o pequeno lugar de Bonaval non era capaz de satisfacer coas súas nicherías. Ademais, aquí situábanse as tumbas das persoas non católicas, os falecidos fóra da fe cristiá e o osario.
A raíz deste problema de capacidade, así como o crecemento urbano que fixo necesario separar a zona de vivendas coa de enterramentos, motivaron a creación e desenrolo do actual Cemiterio de Boisaca, inaugurado en marzo de 1934 e a onde foron trasladados os restos humanos de Bonaval tras a súa clausura nos anos sesenta.
Descrición
Esta zona do Parque de San Domingos de Bonaval anexa ao antigo cemiterio consiste nun amplo noiro encespado sobre o que se fixo unha variada plantación de arborado, marcada por alegres contrastes de cor das súas especies arbóreas e o uso combinado de especies perennes e caducas. A disposición destas especies arbóreas contrasta coa mesta zona da carballeira e coa ordenación dos elementos arbóreos en liñas ben marcadas na área das hortas, xa que nos Campos Novos destaca a liberdade de colocación das especies, agrupadas sen orde aparente.
As especies arbóreas que podemos atopar nestes Campos Novos son as seguintes:
- Paulonia (Paulownia tormentosa): sitúanse preto da entrada á carballeira. Na primavera ten uns espectaculares acios de flores violáceas acampanadas de aspecto algodonoso e aroma de violetas. As grandes follas acorazonadadas son caedizas e crecen despois da floración, e o froito é unha cápsula seca similar a un axóuxere.
- Bidueiro (Betula pendula): aparecen en agrupacións de varios exemplares dispersos pola pradaría. Posúen a cortiza branca e lisa, con estrías escuras horizontais, e un característico porte chorón. As pequenas follas caedizas son romboidais co bordo irregularmente dentado, que no outono adquiren unha fermosa tonalidade dourada.
- Magnolio (Magnolia grandiflora): xunto coas paulonias, aparecen na entrada da carballeira aberta no muro que separa ambos espazos. Esta árbore americana ten flores brancas que poden chegar a medir 30 centímetros de diámetro. Estas flores son das máis primitivas do planeta, xa que xurdiron no Cretácico (hai uns 100 millóns de anos) cando eran polinizados por escaravellos, xa que aínda non existían as abellas, os seus actuais polinizadores.
- Castieiro das Indias (Aesculus hippocastanum): estas árbores foron elixidas para combinar coas especies preexistentes por pertencer a unha flora ben aclimatada ao clima galego.
- Tileiro de folla miúda (Tilia cordata): atopamos dúas parellas de exemplares de gran porte, unha está no centro dos Campos e outra flanquea as escaleiras de acceso á zona do antigo cemiterio.
- Pradairo real (Acer platanoides): sitúanse na parte elevada dos Campos, formando unha liña zigzagueante xunto aos grupos de bidueiros. As súas follas dentadas toman unha coloración púrpura, introducindo variacións cromáticas que enriquecen a paisaxe vexetal do parque.
A plantación disponse en paulatina profusión a medida que se vai ascendendo polo outeiro, de modo que a maioría dos exemplares se sitúan na parte alta do espazo, mentres que na parte baixa dos Campos, xunto ao Salón Central do Cemiterio Xeral, as árbores desaparecen para non bloquear as fermosas vistas panorámicas da cidade que pódense observar dende este punto.
Un espazo destacado dentro dos Campos Novos é o Guiñol. Esta é unha parcela delimitada por dous valos de pedras, situado a carón do Espazo Crómlech Ocupado de Leopoldo Nóvoa. Ten este nome xa que e un ámbito pensado para o teatro de monicreques, aproveitando as escaleiras como gradas e a porta de acceso como escenario, enmarcando a ábsida da Igrexa de San Domingos. Forma parte dunha plataforma triangular formada por un muro de xisto e chan de terra, que limita nun dos seus lados coa Costiña do Monte.