
Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Tipoloxía
Canle
Cronoloxía
Século XVIII
Historia
Aínda que hoxe o papel parézanos un artigo cotián, antigamente considerábaselle un produto de luxo. Até que se inventou este, os seres humanos escribían sobre pedras, táboas de arxila ou cera, madeira, peles de animais ou pergamiño. Fai uns 4.000 anos, os exipcios comezaron a fabricar papel a partir da planta do papiro. Na Europa occidental, até o século XII, os papeis fabricados con peles de animais foron o único material de escritura.
Os chineses son considerados como os primeiros fabricantes do que hoxe entendemos como papel, inventándoo no ano 105 a.C. Utilizaban rafia, algodón ou restos téxtiles cunha técnica que se segue empregando na actualidade. O proceso de fabricación de papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo os seus fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto. Amoreábanse nunha pía para deixalos fermentar cinco ou seis semanas. Finalizada esta operación, os trapos reducíanse a anacos pequenos, levándoos a continuación ao muíño de mazos onde machucábanse para formar unha pasta diluída que se filtraba con coadores finos para, finalmente, prensala en pregos de papel e deixala secar. O papel xa seco, que pola súa gran porosidade resulta moi absorbente (papel secante), bañábase en cola animal e traballábase no mazo de satinar para darlle o apresto final e eliminar as irregularidades que puidese presentar o acabado, quedando xa listo para ser empaquetado e posto á venda, listo para poder escribir sobre el.
A partir do século XV, coa invención da imprenta por Johannes Gutenberg, aumentou rapidamente a demanda e consumo de papel, mais a materia prima escaseaba e o proceso de fabricación manual era lento. A produción industrial de papel revolucionouse grazas a dous descubrimentos: no 1799 o francés Nicolás Louis Robert inventou un filtro mecánico, precursor das máquinas papeleiras e no 1843, Weber Friedrich Gottlob Keller desenvolveu un procedemento de desbastado que utilizaba como materia prima a madeira. Aínda así, no século XIX o consumo anual de papel por persoa ascendía a só tres quilogramos.
Despois da Segunda Guerra Mundial desenvolvéronse novas técnicas de produción axeitadas ao novo florecemento da impresión de libros, que esixía grandes cantidades de papel. Recorreuse ao papel usado como materia prima, dando orixe á reciclaxe de papel debido a razóns económicas. Só posteriormente, a partir da preocupación pola perda irreversible dos recursos e á contaminación, as consideracións ambientais pasaron a un primeiro plano no proceso de produción do papel.
Descrición
Un estreito sendeiro percorre a planicie que separa a auga da canle que fornecía á Fábrica de Papel de Laraño e a auga do río Sar. Maina descorre a da canle, de paredes tapizadas de couselos, chuchameles e violetas, e rápida a do río, do que o curso se vai encaixando até só deixar á vista a vexetación de ribeira ou ripisilva que o acompaña (ameneiros, salgueiros, bidueiros, freixos, chopos, sabugueiros, abeleiras...). Tamén é destacable a fauna da zona, xa que entre as árbores móvense os paxaros, que, cando o rumor do río o permite, fan oír os seus cantos anunciando a súa presenza. É bastante frecuente atopar garza reais (Ardea cinerea) pescando escalos na zona da presa, picapeixes (Alcedo atthis) voando veloces sobre as augas do Sar e algunha vez houbo pistas que indicaban a presenza dalgunha londra (Lutra lutra).
Paralelo ao río Sar percorre o Parque de Brandía a canle de derivación, de 596 metros de longo, que servía á Fábrica de Papel de Laraño para encher un depósito de auga e mover unha roda hidráulica vertical de máis de tres metros de diámetro que facía de batán. Este depósito dispón dun volume de acumulación de auga de 350 metros cúbicos e consiste nun cubo de cachotería de seis metros de lado e dez metros de altura ao que chega a auga dende a acea ou presa a través desta canle de derivación do río.
Desde a súa construción en 1792 o edificio funcionaba como fábrica de papel, mais na primeira metade do século XIX pasou a ser batán, e posteriormente foi serradoiro, fábrica de xeo e cervexa, e na actualidade ten un uso hoteleiro. Os cambios de actividade suporán consecuentemente modificacións tamén no fin último da auga derivada na canle e o depósito, que neste momento ten sobre todo valor testemuñal. A última restauración do edificio conservou activo o acueduto de cantería polo que chegaba a auga que movía a maquinaria da fábrica de papel.