
Parroquia
Marantes
Tipoloxía
Capela
Cronoloxía
Século XII
Historia
Unha capela é un pequeno edificio destinado ás practicas relixiosas da liturxia católica. Estes oratorios tamén existen noutras prácticas cristiás, como a anglicana ou a luterana.
Xeralmente é de menor tamaño que unha igrexa, pode consistir nun edificio independente ou estar construída no interior dunha igrexa, xeralmente anexa á nave maior. As capelas tamén poden aparecer formando parte doutros edificios como pazos, vilas, colexios, universidades, cárceres, conventos, cuarteis, castelos...
Antigamente as casas nobres, gremios e outras profesións liberais vinculábanse cunha das capelas existentes nunha igrexa, podendo formar en torno a ela unha confraría, que en moitas ocasións establecíanse fortes rivalidades entre elas.
A palabra capela provén do latín cappella, diminutivo de cappa (capa), e os clérigos que exercen nela o seu ministerio chámanse capeláns. Co termo capela desígnanse diferentes construcións: institucións eclesiásticas coma o cabido ou capítulo eclesiástico, educativas no caso do corpo equivalente nun colexio universitario, ou artísticas, especialmente no mundo da música, onde capela é o corpo de músicos dunha igrexa. Unha capela ardente é o túmulo que se levanta para celebrar as exequias.
O elemento básico desta edificación é o altar, elemento necesario para a celebración do culto e onde se sitúa a imaxe da súa advocación, normalmente nun retablo formado por pequenos piares ou columnas. É frecuente que conteña sepulcros dos donantes da capela.
Hai capelas famosas porque relaciónanse con elas a realización de milagres ou as aparicións de santos e virxes, polo que é frecuente que haxa romarías relacionadas con elas para conmemorar estes eventos.
Descrición
Capela de estilo románico construída no século XII e reedificada no século XVI. De planta rectangular con ábsida circular, sancristía acaroada ao lateral norte e co teito a dúas augas con cuberta de tella curva. No exterior conserva a fábrica románica na cabeceira, na portada, e na base dos muros laterais. A ábsida en hemiciclo ten columnas con capiteis decorados con canzorros e cunha fiestra dobre rematada en arcos conopiais e dividida por unha pequena columna, mais que hoxe en día está tapada. Esta fiestra está rodeada de inscricións difíciles de ler dado o seu desgaste.
Na fachada pódense ver restos da antiga portada, como no arranque das columnas acobadadas onde se poden ver dúas figuras de leóns aos lados da entrada que lle fan de base. Remata a entrada en arco de medio punto con arquivolta. A altura dos capiteis o lenzo do muro é de nova construción e con perpiaños máis pulidos que na parte inferior. Leva un óculo na fachada para dar luz ao interior e remata o cume con espadana que arranca con adorno de cornixa voada e ten dous vans con arco de medio punto para as campás. Ten escaleira de pedra con varanda de ferro no lateral esquerdo para acceder ao campanario.
Consérvanse nesta igrexa, facendo de arco de trunfo, o arco do desaparecido claustro románico da Catedral de Santiago, traído aquí cando no século XVI foi demolido para construír un novo en tempos do Arcebispo Alonso de Fonseca y Acebedo.