
Zona verde
Parque Fluvial das Brañas de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Arquitectura relixiosa
Historia
Na Capela de San Brais celébrase o 3 de febreiro de cada ano unha romaría na honra deste santo avogoso para os males da gorxa. A postura na que se representa a imaxe do santo nesta capela, tocándose o colo, lembra a advocación de San Brais de Sebaste, patrón dos otorrinolaringólogos. A devoción a este santo pódese apreciar na frecuente presenza de exvotos xunto á súa representación escultórica.
A asociación de fonte e capela é unha constante neste tipo de santuarios, dos que este é unha boa mostra pola sinxeleza e funcionalidade coa que está executado. Esta vinculación entre a fonte e a devoción é debido en moitas ocasións ao sincretismo que a chegada do cristianismo entre os séculos IV e VI impuxo nos santuarios pagáns preexistentes nos que se rendía culto á auga, xa que se lle atribuían en moitas ocasións propiedades máxicas e relacións co mundo das mouras, seres fantásticos con poderes sobrenaturais. O culto cristián continuou coa vinculación entre a auga e a fe, polo que inclúe as pías dentro das súas igrexas e moi frecuentemente aparecen fontes no seu exterior.
Descrición
Á entrada do recinto murado que rodea á Colexiata de Santa María a Real de Sar hai unha fonte e unha pequena capela dedicada a San Brais. A representación do santo é unha escultura de vulto redondo sobre peaña que aínda conserva restos da súa policromía. O santo represéntase coa mitra bispal, os roupaxes episcopais e o libro, atributos da súa dignidade bispal, xa que foi o bispo de Sebaste (Armenia).
A escultura está colocada nunha fornela en forma de arco de medio punto cuxas doelas e pedras do nicho están realizadas en perpiaños de gran calidade, e a base está tallada como un capitel, nunha posible reutilización de materiais da veciña Colexiata de Santa María a Real de Sar. Na mesa de altar pétrea destaca lousa formada por pedras gravadas nas marxes con decoración xeométrica, que tamén asemella ser outra reutilización de materiais.
O conxunto da fornela coa escultura de San Brais e a mesa de altar están protexidas por unha sinxela construción de pedra a dúas augas na que se abre un gran arco de medio punto a modo de acceso para a devoción ao santo. A iluminación interior complétase con pequenas fiestras laterais, que aumentan a luz do interior do recinto.
A capela está realizada en cachotería na que destaca o perpiaño que sirve de reforzo nos ángulos, vanos, contrafortes, doelas do arco de entrada e a decoración, consistente nun escudo de armas inserido nunha cartela, a cruz de remate e a moldura baixo o beirado do tellado.