Zona verde
Parque de San Caetano
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Capela
Cronoloxía
1701
Historia
Unha capela é un pequeno edificio destinado ás practicas relixiosas da liturxia católica. Estes oratorios tamén existen noutras prácticas cristiás, como a anglicana ou a luterana.
Xeralmente é de menor tamaño que unha igrexa, pode consistir nun edificio independente ou estar construída no interior dunha igrexa, xeralmente anexa á nave maior. As capelas tamén poden aparecer formando parte doutros edificios como pazos, vilas, colexios, universidades, cárceres, conventos, cuarteis, castelos...
Antigamente as casas nobres, gremios e outras profesións liberais vinculábanse cunha das capelas existentes nunha igrexa, podendo formar en torno a ela unha confraría, que en moitas ocasións establecíanse fortes rivalidades entre elas.
A palabra capela provén do latín cappella, diminutivo de cappa (capa), e os clérigos que exercen nela o seu ministerio chámanse capeláns. Co termo capela desígnanse diferentes construcións: institucións eclesiásticas coma o cabido ou capítulo eclesiástico, educativas no caso do corpo equivalente nun colexio universitario, ou artísticas, especialmente no mundo da música, onde capela é o corpo de músicos dunha igrexa. Unha capela ardente é o túmulo que se levanta para celebrar as exequias.
O elemento básico desta edificación é o altar, elemento necesario para a celebración do culto e onde se sitúa a imaxe da súa advocación, normalmente nun retablo formado por pequenos piares ou columnas. É frecuente que conteña sepulcros dos donantes da capela.
Hai capelas famosas porque relaciónanse con elas a realización de milagres ou as aparicións de santos e virxes, polo que é frecuente que haxa romarías relacionadas con elas para conmemorar estes eventos.
Descrición
Templo fundado polo Capitán Bartolomé de Verea y Vázquez e a súa esposa dona Ángela de Cora y Ponte y Andrade. Fronte ao barroquismo predominante en Compostela na época da súa construción, este templo destaca pola súa gran sinxeleza e pola marcada influencia da arquitectura popular. A súa planta é de cruz latina con cabeceira recta e o transepto destacado en alzado, ao elevarse o cruceiro e os brazos laterais sobre o nivel do tellado a dúas augas que cobre a nave principal. Os muros están cubertos con revocadura, salvo a rúa central da fachada principal e os remates dos vans que deixan á vista o cadeirado en granito. Sobre a portada, rematada cun arco de medio punto de moldura lisa, ábrese unha fiestra rectangular sobre a que campan as armas dos fundadores. O conxunto coróase no vértice coa espadana de corpo rectangular no que se abren dous arcos de medio punto flanqueados por pilastras que sosteñen un frontón triangular rematado con pináculos.