mainimg
Código: PR030
-
Patrimonio
Localización

Parroquia

Sabugueira

Información

Tipoloxía

Capela

Cronoloxía

Século XVIII

Historia

Unha capela é un pequeno edificio destinado ás practicas relixiosas da liturxia católica. Estes oratorios tamén existen noutras prácticas cristiás, como a anglicana ou a luterana.

Xeralmente é de menor tamaño que unha igrexa, pode consistir nun edificio independente ou estar construída no interior dunha igrexa, xeralmente anexa á nave maior. As capelas tamén poden aparecer formando parte doutros edificios como pazos, vilas, colexios, universidades, cárceres, conventos, cuarteis, castelos...

Antigamente as casas nobres, gremios e outras profesións liberais vinculábanse cunha das capelas existentes nunha igrexa, podendo formar en torno a ela unha confraría, que en moitas ocasións establecíanse fortes rivalidades entre elas.

A palabra capela provén do latín cappella, diminutivo de cappa (capa), e os clérigos que exercen nela o seu ministerio chámanse capeláns. Co termo capela desígnanse diferentes construcións: institucións eclesiásticas coma o cabido ou capítulo eclesiástico, educativas no caso do corpo equivalente nun colexio universitario, ou artísticas, especialmente no mundo da música, onde capela é o corpo de músicos dunha igrexa. Unha capela ardente é o túmulo que se levanta para celebrar as exequias.

O elemento básico desta edificación é o altar, elemento necesario para a celebración do culto e onde se sitúa a imaxe da súa advocación, normalmente nun retablo formado por pequenos piares ou columnas. É frecuente que conteña sepulcros dos donantes da capela.

Hai capelas famosas porque relaciónanse con elas a realización de milagres ou as aparicións de santos e virxes, polo que é frecuente que haxa romarías relacionadas con elas para conmemorar estes eventos.

Descrición

Pequena capela situada en pleno Camiño Francés, de finais do século XVIII, de traza barroca. Planta rectangular, cunha gran solaina pola parte da súa fachada principal. Na cabeceira da planta sitúase o retablo, composto de dous corpos, aos que no século XIX engadíronselles tres fornelos, o frontal do altar e, aos lados deste, cadansúas credencias. A fachada, de gran sinxeleza, cun esquema pentagonal e nunha liña vertical central, destaca a súa porta rectangular alintelada cunha fiestra cadrada a cada lado. Enriba da porta, outro van de luz cadrado e rompendo o cume sitúase a base rectangular da espadana que consta dunha placa, un corpo rectangular e outra placa moldeada que sobresae do corpo rectangular e nas que se asentan os machóns para lograr o arco de medio punto onde acubilla unha pequena campá e coroadas con tres pináculos piramidais con bóla. Esta capela só se abre ao culto unha vez ao ano, coincidindo coa festividade de San Roque.

En febreiro do ano 2014 rematan as obras de rehabilitación da capela, xa que o seu estado non era moi bo, sobre todo a gran solaina que estaba deformada e podrecida. Segundo a arquitecta Idoia Camiruaga, responsable da coordinación do proxecto e da dirección da obra, “reconstruíuse o tellado cunha estrutura de características similares ao antigo, reutilizando todo o material que foi posible. As poucas modificacións que se introduciron foron para garantir a estabilidade do conxunto”. A mediados de outubro de 2014, iníciase a restauración do retablo maior da capela que se atopaba en moi mal estado, rematándose antes de finais dese ano.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)