
Zona verde
Xardín da Capela de Santas Mariñas
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Arquitectura relixiosa
Historia
Na Capela de Santas Mariñas celebrábase antigamente o 18 de xullo a festividade da santa, unha concorrida romaría típica do rural galego na que as solteiras sacaban á Virxe en procesión ao redor do templo. Actualmente é nesta data o único día no que se abre a capela para o festa e a procesión.
A asociación de fonte e capela é unha constante neste tipo de santuarios, dos que este é unha boa mostra pola sinxeleza e funcionalidade coa que está executado. Esta vinculación entre a fonte e a devoción é debido en moitas ocasións ao sincretismo que a chegada do cristianismo entre os séculos IV e VI impuxo nos santuarios pagáns preexistentes nos que se rendía culto á auga, xa que se lle atribuían en moitas ocasións propiedades máxicas e relacións co mundo das mouras, seres fantásticos con poderes sobrenaturais. O culto cristián continuou coa vinculación entre a auga e a fe, polo que inclúe as pías dentro das súas igrexas e moi frecuentemente aparecen fontes no seu exterior.
Descrición
Capela construída na ladeira do monte do mesmo nome. A súa planta rectangular é dunha sinxeleza extrema, dunha soa nave con cuberta a dúas augas, de pequenas dimensións e con sancristía engadida nun anexo lateral.
Ten na súa fachada principal unha pequena espadana dun van que se abre no centro das augas do tellado, rematando verticalmente o conxunto. Esta falsa parede aloxa unha pequena campá, nunha solución moito máis sinxela e barata que a construción dun campanario. Este mesmo recurso apréciase sobre a porta de acceso principal, oposta ao altar, onde presenta un círculo irregular a modo de bufarda, versión barata do rosetón das igrexas con maior poder adquisitivo.
O conxunto está levantado con muros de cachotería enfoscada reforzado por perpiaño nas esquinas dos muros, na moldura baixo o beirado do tellado, nos elementos decorativos e nos vanos. A entrada principal está constituída por unha porta rectangular de grandes dimensións, que permitiría a saída ao exterior das imaxes votivas nos ritos cristiáns vinculados a esta igrexa.