
Parroquia
Villestro
Tipoloxía
Capela
Historia
Unha capela é un pequeno edificio destinado ás practicas relixiosas da liturxia católica. Estes oratorios tamén existen noutras prácticas cristiás, como a anglicana ou a luterana.
Xeralmente é de menor tamaño que unha igrexa, pode consistir nun edificio independente ou estar construída no interior dunha igrexa, xeralmente anexa á nave maior. As capelas tamén poden aparecer formando parte doutros edificios como pazos, vilas, colexios, universidades, cárceres, conventos, cuarteis, castelos...
Antigamente as casas nobres, gremios e outras profesións liberais vinculábanse cunha das capelas existentes nunha igrexa, podendo formar en torno a ela unha confraría, que en moitas ocasións establecíanse fortes rivalidades entre elas.
A palabra capela provén do latín cappella, diminutivo de cappa (capa), e os clérigos que exercen nela o seu ministerio chámanse capeláns. Co termo capela desígnanse diferentes construcións: institucións eclesiásticas coma o cabido ou capítulo eclesiástico, educativas no caso do corpo equivalente nun colexio universitario, ou artísticas, especialmente no mundo da música, onde capela é o corpo de músicos dunha igrexa. Unha capela ardente é o túmulo que se levanta para celebrar as exequias.
O elemento básico desta edificación é o altar, elemento necesario para a celebración do culto e onde se sitúa a imaxe da súa advocación, normalmente nun retablo formado por pequenos piares ou columnas. É frecuente que conteña sepulcros dos donantes da capela.
Hai capelas famosas porque relaciónanse con elas a realización de milagres ou as aparicións de santos e virxes, polo que é frecuente que haxa romarías relacionadas con elas para conmemorar estes eventos.
Descrición
Don Manuel Quintela fundou a Capela da Nosa Señora do Carme en Frais, no lugar chamado do Conde. Esta capela de pequenas dimensións, está construída a base de pedras de cantería, con planta rectangular e decoración sinxela. Na actualidade é de propiedade privada e nela non se celebra ningún acto relixioso.
Sen dúbida, o máis destacable é que forma parte dun fermoso conxunto enclavado no corazón da aldea de Frais, formado por casas tradicionais, unha impresionante casona de orixe fidalga e un patio dende o que gozar das vistas do Val de Roxos.
Cóntase polo lugar a seguinte lenda sobre a campá desta capela: “A Capela do Carme de Frais non ten campá, porque din que unha señora que morreu xa hai moitos anos encargada de gardar os santos, os vendeu. Un día que estaba sentada nun banco debaixo da campá, esta caeu sobre ela por vender os santos. Deus castigouna”.