mainimg
Código: BR004
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Identificación

Nome científico

Sorbus aucuparia L.

Nome común en galego

Capudre, cornabude, cancereixo, escornacabras ou escornabois

Nome común en castelán

Serbal silvestre, serbal de los cazadores, azarollo, argumón o sorbellano

Información

Características

Forma parte das plantacións do noiro na parte baixa da glorieta de Vidán. No inverno apenas destaca, mentres que nos meses cálidos chama a atención debido sobre todo ás súas abondosas flores e froitos, grazas á gran cantidade de luz solar que recibe.

Orixe e distribución

Especie autóctona que se estende polas rexións tépedas de Europa, o norte de África e Asia central. Distribúese por toda Europa nos bosques claros, lindes e campiñas, dende o nivel do mar até case os 2.000 metros de altitude. Aparece espontaneamente formando parte do sotobosque leñoso de fragas e devesas, sobre todo nas serras orientais. Gústalle o clima frío e húmido, con moita luz, e prefire os terreos montañosos aos vales, onde medra xunto a piñeiros, abetos e faias.

Medra naturalmente no sotobosque das fragas e devesas das serras orientais galegas como Os Ancares, O Courel, Pena Trevinca ou O Invernadoiro, onde medra xunto á outra especie autóctona de capudre, o Sorbus aria, de follas simples e froitos de maior tamaño.

Descrición

Árbore de pequeno tamaño e crecemento rápido, que en ocasións pode chegar aos 20 metros de altura. Copa aberta e irregular, o tronco pode seguirse claramente cara a zona superior da copa, con ramas ascendentes ou verticais. Codia gris con finas estrías e brotes gris púrpura.

Follas caducas, alternas, imparipinnadas con entre 5 e 17 folíolos ovais de marxe fortemente dentada. As follas novas, ao trituralas, teñen cheiro a mazapán. Flores brancas hermafroditas, que se dispoñen formando corimbos terminais nos meses de xuño e xullo para ser polinizadas polos insectos. Froitos en pomo, globosos, pequenos e de cor alaranxada, cun desagradable sabor ácido, mais moi ricos en vitamina C.

Etimoloxía

Sorbus é o nome latino desta árbore, e aucuparia podería derivar de aucupare, por empregarse para coller as aves de caza.

Usos

Con boas características ornamentais, cultívase en parques, xardíns, paseos e áreas recreativas. É unha especie especialmente resistente á contaminación e ao frío (até -25ºC). Un dito popular dos Ancares emprega a cor dos froitos para predicir o tempo do inverno: capudres colorados, cumios nevados.

Os froitos confírenlle unha gran beleza até ben entrado o inverno. Utilízanse na elaboración de marmeladas e son moi apreciados polas aves, principalmente o picoteiro (Bombycilla garrulus) e os merlos (Tordus sp.), que diseminarán as sementes a través das súas deposicións. Tamén é utilizado como árbore de sustento polas larvas dunha ampla gama de especies de lepidópteros.

Para os que padecen de diabete, a sorbita dos froitos é un bo sucedáneo do azucre. A súa madeira, dura e elástica, é moi apreciada e emprégase en tornería e ebanistería. Con ela construíronse algunhas pezas dos carros durante moito tempo.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)